martes, 16 de agosto de 2011

Pretemporada: O C.D. Lugo xuvenil, campión do "I Trofeo Concello de A Pontenova"

O pasado sábado celebrouse no Campo da Mina a primeira edición do Trofeo "Concello da Pontenova", coa presencia de dúas das canteiras punteiras de Galicia, os xuveniles de Divisón de Honor do C.D. Lugo e do R.C. Deportivo da Coruña. Completou o triangular o primeiro equipo do Sporting Pontenova, nun torneo que serviu como presentación oficial e que deixou boas sensacións na afición.
Nunha tarde moi agradable e con gran ambiente nas bancadas, os encargados de abrir o telón foron o C.D. Lugo e o Sporting Pontenova, no primeiro dos 3 partidos de 45 minutos que se ían disputar. No primeiro minuto os locais xa se puideron adiantar, pero Pablín non foi capaz de definir cando xa se plantara diante do meta lucense.
O resto do partido transcurriu bastante igualado, co Sporting ben plantado nun partido dominado polo Lugo, que gozou de algunha oportunidade para levarse o choque pero non foi capaz batir a Juanki. Os gualdinegros tamén tiveron as súas, pero ó final chegouse sen goles. Nos penaltis, que servirían para decidir o gañador en caso de empates, saíron vencedores os pontenoveses, que transformaron os 3 lanzamentos gracias a Lolo, Fran e Rivas e gracias ó lanzamento do Lugo detido por Juanki.
No segundo choque saíu a escea o R.C. Deportivo ante o conxunto local. O partido foi prácticamente un monólogo dos herculinos, que encerraron no seu campo a un Sporting que apenas se achegou ó marco contrario, pero que demostrou un orden e unha seguridade defensiva de gran nivel, moi axudados pola última fichaxe dos de Moirón, Bruno Bouza, que rendiu a un gran nivel xuntos cos seus compañeiros na zaga, Gene, Lolo e Marcos Conde. Os coruñeses, aínda co seu gran dominio sobre o céspede, non gozaron de oportunidades excesivamente claras, soamente un disparo alto dende o punto de penalti e un gol anulado por fóra de xogo. Outra vez o partido rematou sen goles, e nos penaltis o gañador esta vez foi o Deportivo, que transformou as tres penas máximas. Polo Sporting, errou Jorge Moirón, suficiente para inclinar a balanza do outro lado.
Polo tanto, o vencedor do torneo saliría do partido C.D. Lugo-R.C. Deportivo, o último da tarde. E non defraudaron os dous conxuntos da División de Honor, que lle brindaron ó público presente na Mina 45 minutos de bo fútbol, controlados na súa maioría polos lucenses, que se mostraron superiores case dende o primeiro minuto, no que xa gozaron dun man a man co porteiro coruñés. As oportunidades máis claras seguiron sendo do Lugo, pero a calidade dos xogadores do Deportivo a punto estivo de costarlles o partido nalgunha acción perigosa que non supuxo a apertura do marcador por moi pouco. Fíxose esperar o primeiro tanto da tarde, pero mereceu a pena. O dianteiro do Lugo recibiu un balón escorado á banda esquerda, e dende o lateral da área soltou un dereitazo que se colou por toda a escadra da portería herculina, facendo así o único gol do torneo que lles serviría para saír vencedores.
Tras este resultado, o podiun do "I Trofeo Concello de A Pontenova" quedou da seguinte maneira:
1º clasificado: C.D. Lugo
2º clasificado: Sporting Pontenova
3º clasificado: R.C. Deportivo da Coruña
A entrega de premios estivo presidida por Darío Campos, alcalde da Pontenova, que lle entregou o trofeo ós vencedores. O encargado de entregar o premio ó segundo clasificado foi o adestrador do primeiro equipo do C.D. Lugo, Quique Setién, que fai apenas dous meses estivo a piques de acadar o ascenso á segunda división co conxunto lucense. E por último, Arturo Veiga, de Grupo Recense, patrocinador oficial do Sporting Pontenova, foi quen lle entregou o trofeo ó terceiro clasificado.
Despois do éxito que supuxo a primeira edición deste torneo, esperamos que o vindeiro ano poida ser aínda mellor e volver a encher o Campo da Mina coa presencia de grandes equipos. De parte do Sporting Pontenova, moitas gracias a tódolos asistentes.

No hay comentarios: