domingo, 28 de febrero de 2010

Resultados

Domingo 28 de Febreiro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 23
A Mina (A Pontenova)
Sporting Pontenova 2 - 2 A.D. Luis Pimentel
Goles: 1-0 Garboso, 2-2 Manu

sábado, 27 de febrero de 2010

A xornada

  • Sábado 27 de Febreiro, 11:30 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 24
As Valgas (San Miguel de Reinante)
Iberia F.C. - Sporting Pontenova

Debido á suspensión da xornada de hoxe sábado polo temporal de vento e choiva, este partido non se celebrara e queda pendiente de nova data para a súa disputa.





  • Domingo 28 de Febreiro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 23
A Mina (A Pontenova)
Sporting Pontenova - A.D. Luis Pimentel

Nova fecha importante para o Sporting Pontenova, esta vez ante o Luis Pimentel, rival que se atopa 6 puntos por debaixo dos gualdinegros. Buscarán os de Sachas neste encontro seguir coa melloría que estaban mostrando nos anteriores compromisos, a pesar da derrota totalmente inmerecida da pasada xornada ante o Sacido. A cita, o próximo domingo na Mina ás 16:15 da tarde.

lunes, 22 de febrero de 2010

2ª Autonómica: O Sporting continúa mellorando pero non pode co Sacido nin co árbitro (1-0)

Un Sporting en plena ascensión visitaba o pasado domingo o Municipal de Viveiro para enfrontarse ó segundo clasificado, o Sacido. Nun bo partido dos de Sachas, unha pésima actuación arbitral acabou coas esperanzas dos pontenoveses de sacar algo positivo do encontro.
O aire perfilábase como o condicionante máis grande no partido, e ó Sporting tocoulle xogar con el a favor nos primeiros 45 minutos. Neste período foron os gualdinegros quenes levaron principalmente o peso do encontro, e súas foron as oportunidade máis claras. Fran tivo dúas, a mellor nunha falta moi ben tirada que non entrou por moi pouco. Otto tamén estivo a punto de inaugurar o marcador cun gran disparo dende lonxe, pero ó descanso chegouse co 0-0 inicial.
No segundo tempo foi o Sacido quen xogou co vento a favor e comezou a dominar dende os primeiros minutos, aínda que a defensa do Sporting volveu a rendir a un bo nivel e neutralizou con solvencia as poucas acometidas dos locais. Pero rápidamente se animou o partido gracias ó colexiado. Nunha disputa de balón entre Villy e o dianteiro vivariense, o lateral pontenovés gaña limpiamente o esférico pero o árbitro, ante a incredulidade dos xogadores do Sporting, sinala penalti. Tivo que lanzarse dúas veces: na primeira o xogador do Sacido consegue marcar, pero o árbitro dice que hai que repetir e no segundo intento Juanki consegue deter o disparo. Conseguira o Sporting saír vivo do primeiro erro do trencilla, pero 4 minutos despois volve a sinalar pena máxima por unhas mans inexistentes de Carlos, que intentaba protexerse, aparte de que a xogada produciuse un metro fóra da área. Lánzase o penalti, pero o balón márchase por riba do marco pontenovés. Continuou o partido milagrosamente con 0-0 e con aparente normalidade, sen grandes ocasións para ningún equipo. Por parte dos de Sachas, únicamente unha ocasión de Iván levou algo de perigo á porteria local logo de unha internada pola banda dereita na que consegue sortear a varios contrarios e posteriormente tirar dende fora da área. Non lle perderon a cara ó partido os da Mina, que con combinacións no centro entre Marcos Conde e Cholas tivo momentos de bo fútbol, pero ó árbitro aínda lle quedaban ganas de protagonismo. Quendando poucos minutos para o final, nunha xogada dentro da área pontenovesa, o dianteiro do Sacido amortíguase claramente o balón coa man e, logo dun barullo, chega o tanto dos locais. Os gualdinegros, incrédulos, increpan con desesperación ó colexiado, e as protestas sáldanse cunha amarilla para Otto, seguida da súa expulsión supostamente por doble amonestación, aínda que o xogador pontenovés só vira unha tarxeta. Ó remate do partido, a explicación do árbitro foi que non importaba, que estaba expulsado e que se continuaba coas protestas a sanción podería chegar ós 5 partidos, a pesar de que era consciente de que non tiña a razón. Despois desta desafortunada xogada, consumíronse os poucos minutos que quedaban con algunha xogada de perigo por parte dos visitantes, que intentaron empatar con varios contragolpes levados por Iván e Javi, pero o marcador non se movería e o encontro rematou co 1-0 para o Sacido.
Con esta derrota, os de Sachas quedan no 10º posto con 29 puntos empatados co Meira e co Alfoz, 9º e 10º respectivamente. O Xermade, 4º, queda agora a 6 puntos e o descenso, que o marca o Candelaria, está xa a 13. O seguinte compromiso será o próximo fin de semana na Mina ante o Luis Pimentel de Lugo.

Consulta aquí a clasificación.

Aut. Xuvenil: Nova exhibición do Sporting xuvenil, esta vez ante o Viveiro B (8-0)

O pasado sábado visitaba a Mina o único equipo capaz de vencer ó Sporting na primeira volta, o Viveiro "B". Nos locais, a ausencia de Matelo, máximo goleador, parecía que iba mermar en ataque ós de Moirón pero iso non ocurriu, nin moito menos, xa que a capacidade goleadora do equipo non se resentiu o máis mínimo. Presumíase unha tarde fría no campo pontenovés, pero os goles, que chegaron rápidamente, axudaron a entrar en calor ó público presente.
Pouco tardou en quedar o partido visto para sentencia. Antón foi o encargado de inaugurar o marcador, e ós poucos minutos Arango poñería o 2-0 cun trallazo dende fóra da área que se cola pola escadra. Non destaca o mediocentro pontenovés pola súa aportación goleadora, pero cada vez que consegue perforar o marco contrario faino con auténticos golazos. Aínda quedaba máis por ver neste primeiro tempo. Antón volvería a mollar para facer o terceiro, e moi preto de chegar o descanso foi Christian quen conseguiu o cuarto con outro gran gol. Así se chegou ó intermedio, co partido totalmente sentenciado pero cun Sporting que non baixaría a intensidade nos seguintes 45 minutos.
Dende a primeira xogada os de Moirón demostraron que non estaban para nada conformes cos 4 goles. O protagonista neste segundo tempo foi Turbo, que conseguiu o cuarto ó pouco de comezar cun gran disparo dende fóra da área que superou ó porteiro por alto. O seguinte en ver porta sería Picota, que cazou un rexeite dentro da área pequena logo dunha xogada pola banda dereita. Iban 6, pero non tardou en chegar o 7º, outra vez obra de Turbo, que definiu cunha gran vaselina ante a mala salida do porteiro vivariense. Cabe destacar tamén neste segundo tempo a aportación de Christian, que foi un auténtico pesadelo para os defensores celestes coas súas cabalgadas pola banda. Tamén Javi estivo a punto de marcar en dúas ocasións, pero en ambas o poste impediu que conseguise o seu primeiro tanto do ano. O encargado de cerrar o marcador foi Bruno cun remate de cabeza á saída dun córner. Conseguíu asó o 8-0 definitivo co que se chegou ó final do partido.
Tras este triunfo, os de Moirón reforzan aínda máis o primeiro posto e ven máis cerca o momento de asegurar definitivamente a súa presencia na fase de ascenso. A seguinte fin de semana os da Mina viaxarán a San Miguel de Reinante para medirse ó Iberia, colista da competición.

Consulta aquí a clasificación.

domingo, 21 de febrero de 2010

Resultados

Sábado 20 de Febreiro, 16.15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 23
A Mina
Sporting Pontenova 8 - 0 Viveiro C.F. "B"
Goles: 1-0 Antón, 2-0 Arango, 3-0 Antón, 4-0 Christian, 5-0 Turbo, 6-0 Picota, 7-0 Turbo, 8-0 Bruno

Domingo 21 de Febreiro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 22
Municipal de Viveiro
SDR Sacido 1 - 0 Sporting Pontenova

viernes, 19 de febrero de 2010

A xornada

Sábado 20 de Febreiro, 16.15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 23
A Mina
Sporting Pontenova - Viveiro C.F. "B"

Despois da extraordinaria victoria ante o Sagrado Corazón o pasado martes, reciben mañá sábado os de Moirón ó Viveiro "B", que é un dos dous únicos equipos que conseguiu vencelos na presente Liga. Buscarán os pontenoveses unha victoria que os acerque aínda máis ó título ante un rival que sempre plantea partidos complicados.

Domingo 21 de Febreiro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 22
Municipal de Viveiro
SDR Sacido - Sporting Pontenova

Difícil compromiso o que afrontarán os de Sachas o próximo domingo. O Sacido, segundo clasificado, será un rival complicado para conseguir a marca de 4 victorias nos 5 últimos partidos, o que lles permitiu ós gualdinegros deixar a permanencia prácticamente sellada e acercarse a só 3 puntos do 4º posto, ocupado polo Xermade.

jueves, 18 de febrero de 2010

Aut. Xuvenil: Moito Sporting para pouco Sagrado (5-0)

O pasado martes visitaba a Mina o defensor do título, o Sagrado Corazón, nun partido que no seu tempo fora suspendido a causa do temporal de neve. Na tribuna, un gran ambiente para recibir un conxunto ó que se lle tiña moitas ganas dende o ano pasado.
Pero dende o primeiro minuto comezouse a demostrar que este ano non iba ser o mesmo conto, algo que xa se deixara claro en Lugo na primeira volta, cando os de Moirón venceran por un contundente 0-6. Matelo rápidamente se convertiu nun incordio para os centrais rivais e a punto estivo de estrenar o marcador en algunha ocasión, pero as súas oportunidades así como as de outros compañeiros non acabaron en gol. Algo que sí ocurriu mediado o primeiro tempo, nun acción na que Matelo pelexa un balón dentro da área e acaba batindo por baixo ó porteiro capitalino, no que significou o seu 25º gol na Liga. Abría a lata o Sporting con todo merecemento, aínda que nestes primeiros 45 minutos non sería capaz de ampliar a ventaxa. Noticias do Sagrado poucas, pois a única acción de peligro consistiu nunha falta lonxana que saca Xoel cunha gran intervención. E así se chegou ó descanso.
O mellor estaba por chegar neste segundo tempo. Ó pouco de comezar chegou o segundo. Nun córner a favor, o balón, logo de varios rechaces, acaba nos pés de Turbo que marca cun disparo a media altura que se cola entre a defensa visitante. Gran alegría na Mina, que vía como o partido quedaba encarrilado. Pouco despois o autor do último tanto abandonou o terreo de xogo en sustitución de Picota, que sería protagonista en accións posteriores. Nunha desas, unha gran xogada súa pola banda dereita acaba nun centro preciso ó segundo pau dónde aparece Antón para marcar a placer de cabeza. Os rivais xa estaban desquiciados e víanse superados amplamente polos de Moirón, sobre todo neste segundo período. Pero aínda quedaba máis, pois Matelo non estaba conforme cun único gol no seu casilleiro particular. Nunha das múltiples disputas que tivo que afrontar contra os defensas do Sagrado, gañoulles a espalda por velocidade e plantouse só diante do porteiro, definindo perfectamente cun tiro cruzado. Minutos despois sellaría o seu "hat-trick" e a "manita" no marcador con outra acción prácticamente clavada á anterior, superando en velocidade ós centrais e definindo á perfección. Puideron ser máis os goles de non ser porque o porteiro lucense sacou algunha man providencial, sobre todo unha a tiro de Arango dende fóra da área que a piques estivo de ser un golazo. O partido rematou así, aínda que coa sensación de que o resultado puido ser incluso corto visto o ocurrido no terreo de xogo, sobre todo nunha segunda parte para enmarcar. Destacar tamén o gran partido de todo o equipo, pois cada xogador estivo de 10 na súa labor.
Con esta victoria, o título de Liga está máis cerca a falta de enfrontamente contra rivais directos como o Foz ou o Lourenzá. O seguinte encontro volverá a ser na Mina, o próximo sábado ante o Viveiro "B", conxunto contra o que os de Moirón sufriran a primeira derrota na primeira volta.

miércoles, 17 de febrero de 2010

2ª Autonómica: O Sporting faise forte na Mina e golea ó Alfoz (3-0)

Partido importante o disputado o pasado domingo no Campo da Mina, ante un rival que estaba empatado a puntos na táboa co Sporting, o Alfoz, un dos "gallitos" a principio de liga pero que semella que vai a menos.
Principiou o partido nunha tarde fría no campo pontenovés, e dende os primeiros compases viuse a un Sporting con ganas de facerse forte na casa, o seu punto débil este ano. Nos primeiros minutos xa puido inaugurar o marcador Javín, cunha preciosa vaselina que se marchou rozando o longueiro, pero sería Otto quen conseguise o primeiro tanto logo de superar por alto ó porteiro nunha acción de picardía. Isto sucedía mediada a primeira parte, e pouco despois o partido quedaría encarrilado co segundo tanto, obra de Javín logo de rematar na área pequena unha falta lanzada por Manu dende a banda dereita. Seguíronse sucendendo as ocasións, pero os xogadores marcharíanse ós vestuarios co 2-0.
Comezou a segunda metade co mesmo guión da primeira, cos pontenoveses controlando e chegando á portería rival con relativa facilidade. Matelo, que entrou no descanso, tivo algunha ocasión para ampliar a ventaxa pero non tiña o día de cara a porta. Outro que tivo algunha oportunidade importante foi Andrés, a máis clara nun man a man co porteiro alfocense que adiviñou as intencións do punta gualdinegro. Tamén Iván puido conseguir o terceiro, pero o seu disparo dende a frontal da área estrelouse na base do poste. Tardaría en chegar o último gol do partido. Foi no minuto 89, nun saque de esquina no que Rivas resolveu un barullo na área poñendo o definitivo 3-0 no marcador. E así se chegou ó final.
Con este triunfo, os de Sachas deixan prácticamente asegurada a permanencia, e sitúanse no 9º posto a 16 puntos de distancia da zona de descenso, e a só 3 do 4º clasificado, o Xermade, polo que se abren novos obxetivos para os pontenoveses. O seguinte encontro será complicado, pois o Sporting visitará ó Sacido, segundo na clasificación.

Aut. Xuvenil: Victoria en Alfoz (1-3) para despexar dúbidas

Logo do tropezo en Xove o equipo de Daniel Moirón buscaba unha nova victoria que o acercara máis a promoción de ascenso a liga galega. O rival a visitar era o Alfoz e viaxábase coa baixa por sanción de Picota. O campo estaba en perfectas condicións para xogar, todo o contrario ó campo de Xove.
O partido foi un monólogo dos pontenoveses; nos primeiros cinco minutos houbo catro ocasións moi claras de gol que Antón, Matelo e Cristian non foron capaces de materializar. Sobre o minuto 20, nun contragolpe do Alfoz Leivas cometeu un penalty que significaría o 1-0 a favor dos locais. Logo do gol, o Sporting subiu o ritmo do partido e as ocasións eran continuas, o Alfoz non saía do seu campo.Froito dese empuxe chegou o empate, obra de Turbo que marcou un gol de córner directo;o balón deu na escadra e colouse para adentro. Cinco minutos máis tarde un dos centrais barreu a Matelo dentro da área provocando un penalty que transformou o propio Matelo.
A segunda parte continuou ca mesma liña que a primeira, a pesar de ir un gol por debaixo os locais non adiantaron liñas o que propiciou que os gualdinegros tocaran e controlaran o partido sen ningun percance importante. O gol definitivo foi obra de Roxo logo dunha contra iniciada por Antón que logo de cruzar todo o campo pasou ó centro a Matelo e ó primeiro toque abriu á banda dereita a Roxo que logo de controlar, batiu ó porteiro cun disparo forte e raso.
Os pontenoveses tras esta victoria colócase con 7 puntos de ventaxa respecto ó segundo clasificado, o Lorenzana, que caeu derrotado 2 a 0 na súa visita ó Pastoricense. O vindeiro partido será o aplazado contra o Sagrado Corazón este martes de carnaval, as 16.30 da tarde no campo da Mina.


Crónica enviada por Sergio Arango.

martes, 16 de febrero de 2010

Resultados

Martes 16 de Febreiro, 16.30 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 17 (Aplazado)
A Mina
Sporting Pontenova 5 - 0 Sagrado Corazón
Goles: 1-0 Matelo, 2-0 Turbo, 3-0 Antón, 4-0 Matelo, 5-0 Matelo

sábado, 13 de febrero de 2010

Resultados

Sábado 13 de Febreiro, 11.30 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 22
Municipal de Alfoz
C.D. Alfoz 1 - 3 Sporting Pontenova
Goles: 1-1 Turbo, 1-2 Matelo (p.), 1-3 Roxo

Domingo 14 de Febreiro, 16:30 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 21
A Mina
Sporting Pontenova 3 - 0 C.D. Alfoz
Goles: 1-0 Otto, 2-0 Javín, 3-0 Rivas

viernes, 12 de febrero de 2010

A xornada

  • Domingo 14 de Febreiro, 16:30 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 21
A Mina
Sporting Pontenova - C.D. Alfoz

Nova oportunidade para que os de Sachas volvan a engancharse á zona alta da clasificación. O rival, neste caso, un dos equipos punteiros a priori pero vido a menos nas últimas xornadas, ata situarse na actualidade empatado a puntos cos da Mina. Logo da derrota o pasado sábado en Xermade, os pontenoveses intentarán volver á boa racha na que estaban no encontro da tarde de mañá ante o Alfoz.

  • Sábado 13 de Febreiro, 11.30 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 22
Municipal de Alfoz
C.D. Alfoz - Sporting Pontenova

Mesmo rival para os xuveniles. Logo de colleitar a segunda derrota da competición na pasada xornada, os de Moirón sairán mañá ó Municipal de Alfoz con ganas de volver á senda da victoria e de seguir confirmando o seu liderato no grupo, no que xa están máis que asentados gracias á amplia vantaxe sobre os seus perseguidores. O encontro disputaráse mañá sábado ás 11:30 horas.

2ª Autonómica: Frenazo en Xermade (2-1)

Logo de dúas victorias consecutivas, o Sporting Pontenova vía cada vez máis lonxe as plazas de descenso e incluso se comezaba a asomar á zona de privilexio. Pero o pasado sábado en Xermade sufriu unha derrota que frea polo momento a ascensión dos de Sachas. Nun terreo de xogo en moi boas condicións para a época na que estamos, os locais comezaron controlando o xogo practicando un fútbol de toque ante o que os gualdinegros só podían defenderse e seguir o ritmo marcado polo Xermade. Chegaron con perigo á portería de Juanki en varias ocasións, pero en algunha a falta de puntería e noutras o acerto do gardameta pontenovés fixeron que o marcador tardara en inaugurarse, pois o primeiro tanto tardaría en chegar. Adiantáronse os locais con todo merecemento mediado o primeiro período, e con ese solitario gol chegouse ó descanso.
Nos segundos 45 minutos o partido volveuse moito máis equilibrado, e os de Sachas comezaron a levar a iniciativa pouco a pouco, desarrollando un bo fútbol en gran parte deste período. As ocasións non tardaron en chegar, a máis clara por parte de Puente que falla cando xa se cantaba o gol visitante. Pero cando mellor pintaban as cousas, chegou o 2-0 do Xermade. Aínda así, os da Mina non se renderon e pouco despois reclamaron un penalti que semellaba moi claro nunha entrada por detrás a Puente dentro da área. No campo non había dúbidas, pero o árbitro decidiu que continuase o xogo, aínda que o encontro quedou marcado desde esa xogada. O gol de Maqueto quedando 10 minutos non foi suficiente para os de Sachas, que se xogou todo nos minutos finais levando todo o equipo ó ataque e deixando só 3 homes en defensa, pero o marcador non se movería.
Logo desta derrota, o Sporting sitúase no 10º posto con 26 puntos, a 13 do descenso e a só 3 do Xermade, que marcha 6º. O Sacido, que ocupa a última plaza que da dereito a ascenso, queda xa a 12 puntos de distancia. O seguinte encontro será o próximo sábado na Mina ante o Alfoz, ás 16:30 horas.

jueves, 11 de febrero de 2010

Aut. Xuvenil: A excelente racha fréase de golpe en Xove coa segunda derrota da Liga (2-0)

Mal partido do equipo equipo pontenovés, que chegaba líder o Campo de Beltrán, que se atopaba en pésimas condicións.
O conxunto da Mina, con tres baixas moi importantes afrontaba este partido con certa desconfianza, e así resultou. O equipo non se soupo adaptar ó xogo, ou mellor dito ó non-xogo do equipo local nin ó estado do campo e sucumbiu por dous tantos a cero. Destacar tamén que Picota resultou expulsado, polo que se perderá o vindeiro encontro ante o Alfoz.

Ó final do encontro o adestrador visitante asumia gran parte de culpa por non negarse a xogar, debido as malas condicións do campo, que facía imposible a circulación do coiro.

Despois deste resultado, o equipo segue líder con cinco puntos de ventaxa sobre o segundo, o Lourenzá que recuperou o segundo posto tras o pichazo do Foz.
Proximo partido Alfoz - Sp. Pontenova, as 11:30h no Municipal de Alfoz.

sábado, 6 de febrero de 2010

Resultados

Sábado 6 de Febreiro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 20
Municipal de Xermade
S.D.C. Xermade 2 - 1 Sporting Pontenova
Goles: Maqueto

Sábado 6 de Febreiro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 21
Lago (Xove)
U.D. Xove Lago 2 - 0 Sporting Pontenova

viernes, 5 de febrero de 2010

A xornada

  • Sábado 6 de Febreiro, 16:15 h
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 20
Municipal de Xermade
S.D.C. Xermade - Sporting Pontenova

Visita o Sporting ó Xermade, equipo co que se atopa empatado a puntos na clasificación. Será un partido no que unha victoria dos pontenoveses significará alonxarse case definitivamente dos postos de descenso e comezar a mirar para a parte alta da táboa, aínda que non resultará nada fácil. A favor dos de Sachas está o excelente papel que están a facer esta temporada a domicilio.

  • Sábado 6 de Febreiro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 21
Lago (Xove)
U.D. Xove Lago - Sporting Pontenova

Novo exame para os da Mina ante un rival asequible sobre o papel, o Xove Lago. Será unha nova oportunidade para seguir reforzando o liderato, dónde os de Moirón están cada vez máis asentados logo dos pinchazos nas últimas xornadas de Foz ou Lourenzá.

miércoles, 3 de febrero de 2010

2ª Autonómica: O Sporting asoma a cabeza na parte alta vencendo ó Meira na Mina (1-0)

Partido de gran rivalidade o que se disputou na Mina o pasado sábado entre o Sporting Pontenova e o Meira. Unha victoria dos gualdinegros deixaríaos empatados a puntos co conxunto meirense e co obxetivo da salvación moito máis preto. Nas gradas, unha boa representación das dúas aficións que lle daban ó partido o ambiente merecido.
O choque comezaba con ámbolos equipos tanteándose, mostrándose respeto, pero as gañas dos de Sachas por lograr por fin un resultado positivo na Mina acabáronse impoñendo e o Sporting pouco a pouco foise facendo co control e as ocasións comezaron a chegar, aínda que sen demasiada sorte de cara a porta. O estado do terreo de xogo deixaba bastante que desexar, polo que o fútbol ofrecido non foi para nada vistoso e as combinacións brillaban pola súa ausencia, decantándose principalmente polo xogo directo para aproveitar a velocidade de Javi, Otto ou Javín. Arredor do minuto 30 chegaría o único gol do partido. Nunha xogada que nace na banda esquerda, Garboso combina con Javín, que deixa para Otto que, despois de recortar hacia dentro, solta un zurdazo dende 25 metros que se cola pola escadra do porteiro meirense. Un auténtico golazo que levantaba do asiento ós asistentes e que leva de novo a sinatura do interior pontenovés, nunha xogada á que nos ten acostumbrados nas últimas temporadas. Con este único tanto, que á postre significaría a victoria, marcháronse os xogadores ó descanso.
O segundo tempo iniciaba co mesmo guión que o primeiro. A polémica non tardou en aparecer e o partido viuse interrumpido en infinidade de ocasións, polo que fútbol viuse máis ben pouco neste período. Os envites do Meira por conseguir o empate víronse aplacados unha e outra vez pola defensa pontenovesa, que non concedeu prácticamente oportunidades e o resultado non perigou en exceso, podendo incluso aumentar a ventaxa nalgunha ocasión. O xogo duro tamén apareceu por momentos, propiciado pola maior veteranía dalgúns dos compoñentes do conxunto visitante, que debeu rematar o partido con varios amonestados. Sen embargo, o único equipo en sufrir unha expulsión foi o Sporting, xa que César tivo que abandonar o banquillo logo de que o árbitro o expulsase por protestar. Unha das notas positivas do encontro foi a volta ós terreos de xogo de Pablín, que saíu sustituíndo a Garboso logo de pasar varios meses no dique seco. Outro que voltou foi Gene, que tamén levaba tempo sen xogar. Así remataría o partido, coa victoria pola mínima gracias ó golazo de Otto.
Con este triunfo, os pontenoveses empatan a puntos co Meira e co Xermade, quedando no 9º posto a 3 puntos do 4º, o Pol, e xa a 13 do Candelaria, equipo que marca o límite coa zona de descenso. O próximo fin de semana visitará precisamente ó Xermade, equipo que o precede na táboa.

Aut. Xuvenil: Victoria pola mínima na Marosa ante o Burela (0-1)

Importante victoria a que conseguiron os rapaces de Moirón ante un moi bo Burela na Marosa, que planteou un partido moi serio en defensa pero imprecioso en ataque. O campo estaba en bastante bo estado pero o vento que soplaba facía difícil ver un fútbol fluído.
Os primeiros minutos do partido estiveron marcados polo tanteo por parte dos dous equipos que contou con algún tiro dende lonxe por parte dos visitantes. Logo o Sporting, que xogaba en contra do vento, comezou a dominar o partido encerrando ós locais, que só conseguiu tirar a porta unha vez en toda primeira parte. O único tanto do encontro chegaría arredor do minuto 44 e foi obra de Matelo, que cazou un bo pase dende a banda dereita e batiu ó porteiro cun tiro raso.
Xa na segunda parte, co resultado e co vento a favor, seguíronse creando ocasións. A mellor delas foi un saque de porta de Xoel que superou ós centrais e que Antón fallou no un contra un co porteiro, que realizou unha excelente intervención. A partir do minuto 25 da segunda parte o Burela veuse arriba, subindo a un central ó medio campo e poñendo un dianteiro máis, polo que conseguiu crear máis ocasións sobre todo con algunha falta lateral que ó final non obtivo recompensa.
Con estes 3 puntos o Sporting é aínda máis líder xa que o segundo na táboa, o Lourenzá, cedeu dous puntos na casa contra o Viveiro "B". A seguinte xornada visita a un dos rivais, en teoría, máis doados da competición, o Xove Lago, pero que sempre plantea partido difíciles.

Crónica enviada por Sergio Arango.