lunes, 30 de noviembre de 2009

2ª Autonómica: O Sporting vence en Parga (0-2) e aséntase na zona tranquila

Victoria moi importante a conseguida no día de onte en Parga. Logo de dous empates consecutivos, os de Sachas presentábanse no partido buscando un triunfo que lles permitise escapar dos postos perigosos, pois unha derrota acercaríaos de novo á zona de descenso.
Comezou o partido con ambos equipos intentando adapatarse ó intenso frío e ó mal estado do terreo de xogo, pero os pontenoveses demostraron dende o primeiro momento que ían a pola victoria e dominaron durante boa parte dos primeiros 45 minutos. Incluso puideron inaugurar o marcador con boas ocasión por medio de Puente ou Otto, pero o gol non chegaba. Na recta final deste período o Parga estirouse e comezou a poñer en apuros a Juanki, pero ó final marcháronse ó vestuario co 0-0 inicial.
O segundo tempo comezou coas novidades de Carlos, que sustituíu a Gene minutos antes do descanso, e de Villy, que entrara por Garboso. O dominio volveu ó bando sportinguista, e as oportunidades comezaron a chegar de novo. Preto do minuto 60 chegaría o primeiro tanto do encontro, nun libre indirecto ó borde da área que transformou Fran cun gran disparo raso. Os minutos foron pasando e pouco a pouco os de Sachas iban cedendo terreo a un Parga que comezaba a asediar o marco pontenovés, pero os da Mina estaban ben plantados e os arreóns locais era repelidos unha e outra vez pola zaga visitante. Xa no desconto, e cando peor o estaban pasando, chegou o gol da sentencia, obra de Javi, que consegue así o seu primeiro tanto da temporada. E ahí morreu o partido, finalizando co 0-2 para os da Pontenova.
Con este resultado o Sporting ascende ata o 9º posto con 16 puntos, situándose xa a 6 da zona de descenso e a só 5 dos postos de privilexio. A vindeira fin de semana visita a Mina o Folgueiro, que está na 4ª posición con 20 puntos.

Aut. Xuvenil: O Sporting tamén sabe sufrir e abre brecha na liga logo de vencer ó Foz (1-0)

O partido máis difícil da temporada ata o momento disputouse o pasado sábado no Campo de A Mina, nunha tarde moi desapacible na que non parou de chover en todo o partido, o que, ademáis do intenso frío e do vento, condicionou o xogo dun encontro no que ambos equipos se xogaban moito. Moi boa entrada na tribuna, o que reflexa de novo o ben que está respondendo a afición tamén neste curso.
Principiou o partido e o Sporting, a favor de aire, plantouse moi ben no campo e nos primeiros minutos deixou ver o que ía ser toda a primeira parte, con chegadas case consecutivas a poñendo en apuros á defensa visitante coa velocidade de Matelo, Christian e Antón. En defensa a principal novidade foi a volta de Leivas, que xunto con Bruno firmaron outra grandísima actuación. As ocasión sucedíanse para os de Moirón pero o gol non acababa de chegar, aínda que estiveron cerca en varias oportunidades. O estado do terreo de xogo non era o propicio para ver un partido bonito, pero aínda así os locais adaptáronse moi ben e estaban poñendo en apuros á zaga focense con balóns largos que unha e outra vez arañaba Matelo gañándolle a espalda ós centrais e ós laterais, e nunha desas, logo dun pase de Christian, conseguiu plantarse diante do porteiro subindo o primeiro ó marcador cerca da media hora de xogo. Auténtico monólogo do Sporting nos primeiros 45 minutos, nos que Xoel foi un espectador de luxo na Mina. O marcador non se movería antes do descanso, ó que se chegou co 1-0.
Na segunda parte o guión cambiou considerablemente. Agora era o Foz o que xogaba a favor do vento, e fixéronse co control do partido case dende o primeiro minuto. Pero enfronte atopáronse cun equipo que tamén sabe sufrir e que estivo prácticamente impecable en defensa, sen cometer ningún erro polo que os visitantes non foron capaces de materializar ningunha das ocasións que tiveron. Foron 45 minutos nos que os de Moirón loitaron diante dun gran conxunto que dominou coas armas que utilizaran os pontenoveses no primeiro tempo, pero neste caso os focenses chocaron unha e outra vez contra o muro gualdinegro, polo que ó final o gol de Matelo acabou sendo o decisivo e deulle 3 valiosísimos puntos ó Sporting Pontenova.
Con esta victoria o Foz queda xa a 8 puntos de distancia, aínda que con 2 partidos menos, polo que este triunfo era vital para seguir sendo o máximo favorito para acabar conseguindo o título. O seguinte partido será a domicilio ante o San Ciprián.

2ª Autonómica: César volve ó Sporting para reforzar a portería

César, mítico gardameta do Sporting Pontenova na década dos 90, retorna ó equipo para reforzar un posto no que só estaba Juanki logo da marcha de Pablo.
César defendeu durante varios anos a portería dun Sporting que comezaba a facerse un nome no fútbol da comarca, realizando grandes campañas en 2ª e 1ª Rexional e sendo a base do equipo que acabaría sendo un dos punteiros da Rexional Preferente e que no ano 2000 ascendería a Terceira División. Actualmente, e dende hai tamén bastantes anos, seguía ligado ó deporte da Pontenova xogando no Industrial Recense, equipo que milita na Liga Provincial de fútbol-sala. No partido de onte en Parga xa viaxou por primeira vez co equipo, aínda que para debutar terá que esperar polo menos unha semana máis.

sábado, 28 de noviembre de 2009

Resultados

Sábado 28 de Novembro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 13
Campo de A Mina
Sporting Pontenova 1 - 0 C.D. Foz
Goles: 1-0 Matelo

Domingo 29 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 12
Noreña Basanta (Parga)
Parga F.C. 0 - 2 Sporting Pontenova
Goles: 0-1 Fran, 0-2 Javi

viernes, 27 de noviembre de 2009

A xornada

  • Sábado 28 de Novembro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 13
Campo de A Mina
Sporting Pontenova - C.D. Foz

Duelo na Mina entre os dous mellores equipos da categoría. O Sporting Pontenova, líder, recibe ó segundo clasificado, o Foz, situado a 5 puntos dos de Moirón, aínda que con dous partidos menos. O que saia vencedor neste choque dará un paso de xigante para conseguir o título, ademáis de saír moi reforzado moralmente. Dende aquí, e de parte de toda a plantilla, queremos pedir o apoio de toda a afección e que a Mina volva a presentar o aspecto das grandes tardes.

  • Domingo 29 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 12
Noreña Basanta (Parga)
Parga F.C. - Sporting Pontenova

Viaxan os de Sachas a Parga para enfrontarse a un equipo que está nunha situación moi parecida, pelexando por alonxarse dos postos de perigo e que está só dous postos por detrás do Sporting, a 3 puntos de distancia. Logo de dous empates consecutivos, os da Mina intentarán volver á senda das victorias, algo que non ocurre dende o triunfo en Lugo ante o Luis Pimentel, hai agora 3 xornadas.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

¡¡A por eles!!


lunes, 23 de noviembre de 2009

2ª Autonómica: O Sporting deixa escapar un 2-0 e acaba pedindo a hora (2-2)

Logo do empate ante o Rioaveso, recibía o Sporting ó Bonxe coa intención de volver á senda das victorias. O rival era o ideal, pois só estaba un posto por detrás dos de Sachas e a só un punto.
E comezaría moi ben o partido para os locais, creando ocasións e plantándose ben no campo ante un rival que non daba sinais de vida. Ós poucos minutos chegaría o primeiro gol. Xogada pola banda dereita que remata nun centro ó punto de penalti dónde Puente, ó primeiro toque e de tacón, deixa o balón perfecto para a chegada de Fran, que define sen oposición diante do porteiro subindo o primeiro ó marcador da Mina. Pintaban ben as cousas para o Sporting, que non baixou o ritmo e seguiu creando perigo, podendo ampliar a ventaxa. Mediado o primeiro tempo chegou o segundo. Nun balón largo pola banda esquerda que parecía fácil para a defensa, dúrmense o central e o lateral e Puente, máis listo, gáñalles en velocidade e plántase só diante do porteiro, definido de maneira perfecta cun tiro cruzado. O tanto a punto estivo de ser anulado pois por culpa dun buraco na rede parecía que o balón non entrara. Con este tanto o partido parecía máis que controlado polos de Sachas, que non estaban a pasar ningún tipo de apuro. Pero froito da tranquilidade do segundo gol, o Sporting relaxouse demasiado e o Bonxe comezou a estirarse e a crear perigo na portería de Juanki. E xusto antes do descanso conseguirían recortar diferencias, nunha xogada na que se despista a defensa pontenovesa a que acaba co balón no fondo da rede logo dun remate dende a frontal. Con ese gol marcháronse ós vestiarios.
Na segunda parte a cousa non mellorou e o Sporting seguía arrastrando a relaxación do final do primeiro tempo, polo que os visitantes se fixeron co partido case dende o primeiro minuto. Unha e outra vez chegaban con perigo á meta pontenovesa e a afición vía cada vez máis cerca o tanto do empate. En contadas ocasións se acercaban os de Sachas, que tiveron as máis claras neste segundo tempo a balón parado, como unha de Joel á saída dun córner que chegou a rematar ata por dúas veces pero que acabou sacando a zaga do Bonxe. E nunha das chegadas visitantes chegou a igualada, cun balón que recibe o xogador visitante a 20 metros do marco pontenovés e sen oposición saca un trallazo que supera a Juanki logo de botar no céspede, o que despistou ó gardameta. Tras este gol houbo un amago de reacción por parte do Sporting, pero non era o día e as ocasións que se creaban só eran a balón parado ou con tiros lonxanos. O rival, xa con un menos, dedicábase a aguantar as acometidas dos da Mina e incluso puideron levarse os 3 puntos xa no desconto nun contraataque no que, cos pontenoveses volcados ó ataque, quedaron soamente dous defensores contra tres atacantes do Bonxe, que se plantaron diante de Juanki pero o seu tiro cruzado estrelouse no pau cando o porteiro xa estaba superado. Así se chegou ó final, coa sensación de deixar escapar un partido que xa estaba prácticamente gañado.
A seguinte semana os de Sachas enfrontaránse ó Parga a domicilio, rival que está situado por detrás do pontenoveses a 4 puntos de distancia.

Aut. Xuvenil: Victoria e golpe na mesa en Lourenzá (0-1)

Como rezan as camisetas, a "marea gualdinegra" invadiu o pasado sábado Vilanova de Lourenzá. O partido non se presentaba nada fácil pois o rival, terceiro na táboa a 6 puntos do Sporting, aínda non perdera nin un só partido no que levaban de Liga. Pero enfronte estaba o líder, que chegaba nun gran estado de forma e que afronta o tramo máis importante do que vai de competición pletórico de forzas.
Comezou o partido xa coa primeira victoria, a da tribuna. Bo ambiente na grada e máis de tres cuartos dos presentes chegados desde A Pontenova, algo que sempre é de admirar e de agradecer. Pero no campo as cousas non serían nada fáciles. Nos primeiros minutos os locais parecían máis enchufados e puxeron en apuros a Xoel en varias ocasións, pero pouco a pouco os de Moirón comezaron a controlar o choque. O rival sentíase forte e puido estrear o marcador con algunha oportunidade clara, incluso houbo unha xogada polémica na área do Sporting que ben puido ser penalti. Pero os visitantes foron gañando terreo e a primeira gran ocasión tivoa Tontxu nun gran remate de cabeza que non acabou dentro por pouco. A partir de ahí os da Mina fixéronse definitivamente co control e comezou a rondar continuamente a portería laurentina. Christian e Matelo puideron subir o primeiro pero o marcador non se movería antes do descanso.
Tralas boas sensacións do primeiro tempo ambos equipos saltaron nesta segunda parte na busca da victoria. Comezou dominando o Sporting Pontenova, que nos primeiros 25 minutos da reanudación contou con múltiples ocasións, pero parecía que o balón non quería entrar. Estiveron cerca Turbo, Matelo ou Antón, incluso Tontxu volveu a estar a punto de marcar cunha falta directa botada maxistralmente que sacou o porteiro cunha excelente parada. Pero logo do arreón visitante, o Lourenzá comezou a gañar terreo pouco a pouco e a poñer en apuros a Xoel de novo. Pero cando peor o estaba pasando o Sporting chegou o gol. O balón chégalle a Christian en banda dereita, chega ata a línea de fondo e saca un centro ó segundo pau dónde aparece Antón, que fai unha deixada para que Matelo, esperando no punto de penalti, fusile por baixo ó porteiro laurentino. Adiantábase o Sporting quedando 10 minutos para o remate, polo que tocaba manter o resultado. Creceu en intensidade o partido, incluso se produciron varias tanganas entre xogadores, o que acabou por favorecer ós visitantes pois perdéronse varios minutos nesas disputas. E así se chegou ó final, coa importantísima victoria dos de Moirón gracias ó gol de Matelo cando xa se apuntaba ó 0-0.
Con este resultado o Sporting Pontenova abre brecha co Lourenzá, que queda xa a 9 puntos aínda que cun partido menos. O seguinte partido vai ser aínda máis importante, pois visita a Mina o Foz, segundo clasificado e principal rival dos pontenoveses polo título. O encontro será o próximo sábado 28 ás 16:15 da tarde.

domingo, 22 de noviembre de 2009

Avance resultados

Sábado 21 de Novembro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 12
Santa Cruz (Lourenzá)
E.D. Lourenzá 0 - 1 Sporting Pontenova
Goles: 0-1 Matelo

Domingo 22 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 11
Campo de A Mina
Sporting Pontenova 2 - 2 Bonxe F.C.
Goles: 1-0 Fran, 2-0 Puente

miércoles, 18 de noviembre de 2009

Aut. Xuvenil: O Sporting xógase media liga nas próximas catro xornadas

Quedan catro xornadas para o remate da primeira volta, e neses catro partidos vaise decidir gran parte do futuro da 1ª Autonómica Xuvenil. Os cruces entre equipos de arriba van ser habituais nas próximas semanas, polo que o Sporting necesitará sacar a maior cantidade de puntos posible para seguir sendo o máximo favorito ó triunfo final. Este mesmo fin de semana os de Moirón van visitar o campo de Santa Cruz para medirse ó Lourenzá, terceiro clasificado a 6 puntos dos pontenoveses e cun partido menos; o Foz, segundo na táboa a 5 puntos do Sporting e con 2 partidos menos, vaise enfrontar ó San Ciprian, que ocupa a sexta posición. O outro enfrontamente importante da xornada vai ser o Pastoricense - Sagrado Corazón, cuarto e quinto respectivamente. Na xornada do 28 de Novembro visitará a Mina o máximo rival ata o momento, o Foz, segundo clasificado, nun partido que promete ser moi intenso vendo os precedentes da temporada pasada. Nesa mesma xornada o Lourenzá viaxará a Pol, o Sagrado recibe ó Cospeito e o Pastoricense medirase co Ribadeo. Na penúltima data da primeira volta os da Mina viaxarán a San Ciprián, un campo sempre complicado, mentres que o Lourenzá e o Sagrado Corazón vanse medir entre sí, o Foz recibirá ó Pol e haberá derbi entre o Pastoricense e o Meira. E xa na derradeira xornada antes do parón, tocarálle descansar ó Sporting, polo que se igualará a partidos co resto dos rivais. Nese mesmo fin de semana disputaráse un choque de gran interés para os de Moirón, Sagrado Corazón - Foz, o Lourenzá viaxa a Ribadeo e o Pastoricense a Burela.
Vistos todos estes cruces, podemos predecir que as próximas semanas van resultar cruciais para o Sporting Pontenova xuvenil, e van deixar moi definido gran parte do seu futuro na competición.

martes, 17 de noviembre de 2009

2ª Autonómica: Empate en Rioaveso (1-1) para seguir na zona tranquila

Novo empate do Sporting, esta vez a domicilio e ante un rival que neste momento só aventaxa ós da Mina nun punto. A principal novidade do once de Sachas era a presencia de Xoel na portería, así como a volta de Maqueto, Javi e Villy á titularidade e as baixas importates de Marcos Conde e Juanki. Ós cuarto de hora adiantaríase o Sporting por medio de Javín, logo de plantarse diante do porteiro e sortealo cun gran regate. O dianteiro de Trabada está a ser o gran protagonista do equipo no plano goleador neste inicio de temporada, pois firma o 50% dos tantos conseguidos ata o momento polos pontenoveses. Pero pouco lles durou a alegría ós visitantes, pois o empate chegaría dez minutos despois na saída dun córner que non foi capaz de despexar a defensa sportinguista. Con este resultado chegouse ó descanso.
No segundo tempo ambos equipos buscaron a victoria dende o primeiro momento, pero a falta de acerto cara a portería de ambos conxuntos propiciou que o marcador non se movese. Por parte do Sporting as oportunidades máis claras foron de novo por parte de Javín, pero non foi capaz de ampliar a súa conta. Co empate chegaríase ó final, e con este punto ambos equipos rematan a xornada situados de novo na zona media da táboa.
No seguinte compromiso, o próximo domingo, os de Sachas recibirán ó Bonxe no Campo da Mina. O encontro vaise disputar ás 16:15 da tarde.

Aut. Xuvenil: Os de Moirón sufren na primeira parte pero acaban goleando ó Cospeito (6-1)

Nova goleada do Sporting Pontenova na Mina, e xa van unhas cuantas nesta temporada. O rival nesta ocasión era o último clasificado, o Cospeito, pero nos primeiros 45 minutos tiveron contra as cordas a un líder que se presentaba coa principal novidade de Noel na portería, pois Xoel disputou o partido do primeiro equipo ante o Rioaveso. Outra novidade importante era a presencia de Arango no banquillo, para reservalo ante a posibilidade de quedar suspendido por acumulación de tarxetas. O partido non comezou da mellor maneira para os de Moirón, pois recibiron un gol cando se levaban disputados poucos minutos. Foi a balón parado, nunha falta lonxana que se colou pola escadra da portería de Noel, que acabaría tendo unha boa actuación no seu debut como titular. A partir do gol os visitantes pelexaron por manter o resultado e o Sporting acabouse contaxiando do pouco fútbol do Cospeito, pero a maior calidade dos locais iríase impoñendo pouco a pouco. O empate chegaría pasada a media hora de xogo e levaría a firma de Antón, que definiu diante do porteiro logo dunha xogada individual no lado esquerdo da área. E preto do descanso o gol da remontada, obra de Bruno que remata de cabeza no segundo pau un córner botado dende a banda dereita. Así se chegou ó descanso, con sorpresa relativa pois o Cospeito puxo en serios apretos ós locais no primeiro tempo.
Pero na segunda parte o guión cambiou notablemente. A pesar de non disputar un dos mellores partidos, o Sporting comezou a funcionar e os tantos a subir ó marcador. Christian faría o 3-1, o gol da tranquilidade, logo dunha xogada individual. O 4-1 sería obra de Matelo, que non faltou á súa cita co gol, aínda que nesta ocasión chegaría de penalti. Puideron chegar maís goles neste período, pois as oportunidades foron numerosas, pero o encargado de cerrar o partido foi Ayoub, que entrara por Seoane, con dous tantos. O primeiro nun remate de cabeza que entrou logo de que o porteiro o tocase, e o segundo resolvendo un barullo na área pequena cun trallazo ante o que nada puido facer o gardameta do Cospeito. E así, co definitivo 6-1 rematou o partido.
Na seguinte xornada os de Moirón van visitar o campo da auténtica revelación da temporada, o Lourenzá. O partido será o próximo sábado no campo de Santa Cruz.

sábado, 14 de noviembre de 2009

Avance resultados

  • Sábado 14 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 10
O Machinango (Rioaveso)
Rioaveso S.D. 1 - 1 Sporting Pontenova
Goles: 0-1 Javín

  • Sábado 14 de Novembro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 11
Campo da Mina
Sporting Pontenova 6 - 1 C.D. Cospeito
Goles: 1-1 Antón, 2-1 Bruno Bouza, 3-1 Christian, 4-1 Matelo (p.), 5-1 Ayoub, 6-1 Ayoub

jueves, 12 de noviembre de 2009

Partidos desta fin de semana

  • Sábado 14 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 10
O Machinango (Rioaveso)
Rioaveso S.D. - Sporting Pontenova

Viaxan este sábado os de Sachas a Vilalba para enfrontarse ó Rioaveso, rival que os precede na táboa con un punto máis. Logo da derrota pola mínima ante o líder Pastoricense, os da Pontenova intentarán volver á senda das victorias ante un rival que ven de gañar en San Ciprián na anterior xornada.

  • Sábado 14 de Novembro, 16:15 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 11
Campo da Mina
Sporting Pontenova - C.D. Cospeito

Tralos rumores de que o colista non se iba presentar na Mina para este partido, esta tarde confirmouse que o Cospeito si que acudirá ó choque do sábado, aínda que escaso de efectivos. Neste partido os de Moirón buscarán unha nova victoria que lles permita conservar o liderato, e será ante un rival a priori asequible, que chega no último posto da táboa.

lunes, 9 de noviembre de 2009

2ª Autonómica: Un Sporting combativo cae pola mínima ante o Pastoricense na Mina (0-1)

O Sporting non puido co líder no partido disputado onte, aínda que os da Pastoriza acabaron pedindo a hora. Os de Sachas chegaban a este partido con moita confianza logo de dúas victorias consecutivas, pero enfronte tiñan un rival que aínda non coñece a derrota e que xa goleara ós da Pontenova na pretemporada, polo que os precedentes non eran bos. Tardaron os locais en collerlle o ritmo ó encontro, e mentras os visitantes íanse asentando no campo e comezando a crear perigo na portería de Juanki. A defensa do Sporting mostrábase outra vez segura, pero en ataque non acababan de saír as cousas, e nin Puente nin Javín levaron excesivo perigo á porta do Pastoricense nos primeiros 45 minutos. Mediado o primeiro tempo chegou o único tanto do partido. Centro dende a banda dereita ó segundo pau dónde, nun fallo na marca da defensa sportinguista, aparece o dianteiro visitante rematando ó fondo da rede. Así se chegaría ó descanso.
O segundo tempo comezou cun Sporting combativo e que buscou a igualada dende o primeiro minuto, pero as ocasións que creou tampouco foron claras en exceso. As bandas non funcionaron como en anteriores ocasións e as poucas oportunidades que se crearon foron maiormente con tiros lonxanos por parte de Iván, Puente ou Javín. Medrou o partido en intensidade e o xogo volveuse duro por momentos, quedándose incluso o Pastoricense con un home menos no campo. Canto máis se achegaba o final máis se iban volcando os da Pontenova sobre a portería visitante, e acabaría xogando con só tres defensores e con 4 dianteiros no campo. As ocasións chegaban pero o gol seguíase resistindo. Nos últimos minutos houbo dúas xogadas claras a balón parado a favor dos locais. Primeiro, unha falta ó borde da área que aparentaba perigosa pero sen resultado. E na última xogada do encontro, o árbitro sinalou un libre indirecto escasos centímetros dentro da área por xogo perigoso dun defensor visitante. Era a última ocasión, pero o disparo de Marcos Conde marchou moi desviado e o árbitro sinalou o final do choque.
Con esta derrota os de Sachas só baixan un posto na táboa e sitúanse agora décimoprimeiros, pero ven reducida a vantaxe cos equipos de atrás. Na próxima xornada viaxarán a Rioaveso para enfrontarse ó equipo que os precede na clasificación.

domingo, 8 de noviembre de 2009

Avance resultados

Domingo 8 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 9
Campo de A Mina
Sporting Pontenova 0 - 1 U.D. Pastoricense

sábado, 7 de noviembre de 2009

Aut. Xuvenil: O Sporting vence e convence (0-4) en Pastoriza

O dificil desprazamento do equipo xuvenil nesta xornada ó renovado Campo do Acebreiro en A Pastoriza, saldouse cunha nova victoria para o equipo de Dani Moirón por un contundente 0-4.
A primeira metade foi de tanteo por parte dos dous equipos, pero o equipo visitante, chegaba con perigo a porta contraria con claras ocasións de Matelo, Antón e Turbo. Pero habería que esperar ata o minuto 44 da primeira metade, cando unha excelente combinación entre Turbo e Matelo acaba co primeiro gol para o equipo visitante, obra do dianteiro asturiano que xa leva 14 dianas no campionato.
Na segunda metade o equipo de Moirón saiu outra vez enchufado, non dandolle ningunha opción o equipo local, e así chegaría o segundo tanto, obra de Antón, logo dunha maxistral xogada e Christian pola banda que combina con Matelo, que é o encargado de realizar finalmente a asistencia.
O terceiro gol chegaría logo dunha falta botada por Antonio, que Turbo remata acrobáticamente acadando o terceiro. E finalmente, unha gran internada de Matelo, que asiste a Turbo e este logo de levar o seu defensor saca un impresionante trallazo que se cola pola escadra da porteria local, cerrando así o resultado. A partir deso, o adestrador visitante aproveitou para darlle minutos a xente menos habitual, ainda que o marcador puido ser mais abundante.
Dar as gracias a todos aqueles que se desprazaron animar o equipo, ainda que a mañá non estivera moi agradable.
A próxima xornada visita o Campo da Mina o Cospeito, colista da categoría.

viernes, 6 de noviembre de 2009

Partidos desta fin de semana

  • Sábado 7 de Novembro, 12:00 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 10
Campo do Acebreiro (A Pastoriza)
U.D. Pastoricense - Sporting Pontenova

Viaxa este sábado o líder ó campo dun dos equipos revelación deste campeonato, o Pastoricense. Logo da goleada por 10-0 ante o Iberia, os de Moirón intentarán sumar a segunda victoria consecutiva que lles permita seguir á fronte da clasificación empatados a puntos co Foz, aínda que estes cun partido menos. O encontro disputarase mañá sábado ás 12 da mañá no campo do Acebreiro, en Pastoriza.

  • Domingo 8 de Novembro, 16:15 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 9
Campo de A Mina
Sporting Pontenova - U.D. Pastoricense

Logo da importante victoria conseguida o pasado sábado en Lugo ante o Luis Pimentel, reciben os de Sachas ó actual líder da categoría, o Pastoricense, que chega nun gran estado de forma logo de golear a pasada xornada ó San Ciprián por 5-1. Buscarán os da Pontenova a súa terceira victoria consecutiva para conseguir acercarse ós postos altos da táboa e para seguir alonxándose da zona perigosa, que na actualidade queda xa a 5 puntos. O partido será o próximo domingo ás 16:15 da tarde no Campo da Mina.

jueves, 5 de noviembre de 2009

O Sporting Pontenova, tamén presente no "tuenti"

Dende hoxe mismo o Sporting Pontenova xa está presente nas dúas redes sociais máis importantes do momento. Xa hai meses que contamos con un grupo e unha páxina en "facebook", e agora tamén poderedes agregarnos no tuenti e etiquetarnos nas vosas fotos. Só tés que poñer no buscador "Sporting Pontenova" e alí nos encontrarás.

lunes, 2 de noviembre de 2009

O foro volve estar aberto

Volvemos a abrir o foro da páxina para que opinedes sobre os temas relacionados co equipo. Esperamos que se utilice de maneira correcta, pois calquer mensaxe que poida resultar ofensivo ou que utilice unha linguaxe inapropiada será borrado de inmediato. Gracias de antemán e esperamos a vosa participación.

2ª Autonómica: Importante e sufrida victoria en Lugo ante un rival directo, o Luis Pimentel (0-1)

Partido importante o que disputaba o Sporting a tarde-noite deste sábado en Lugo no campo de Frigsa, pois o Luis Pimentel será presumiblemente un rival directo nos obxetivos a final de temporada. Comezaron controlando o encontro os de Sachas, aproveitándose en ataque das internadas polas bandas de Fran e Otto e da habilidade en punta de Puente e Javín, e cunha defensa ben plantada que concedeu escasas ocasións nos primeiro 45 minutos. O gol chegou mediada a primeira parte. Foi obra de Fran, que definiu cun gran tiro cruzado dende o lado esquerdo da área e o balón entrou pegado ó poste. Adiántábanse xustamente os visitantes, que tiveron algunha ocasión clara para irse con máis ventaxa ós vestiarios, sobre todo unha vaselina de Javín que se estrelou no largueiro cando xa se cantaba o gol. Tamén o Luis Pimentel tivo unha gran ocasión para o empate, pero o dianteiro local mandou o balón alto cando Juanki xa estaba superado. O Sporting sentíase superior no campo e estaba controlando un partido que a priori presentábase con máis dificultades, pois o céspede artificial non traía bos recordos ós da Mina. Así se foron ós vestiarios, coa ventaxa lograda co gol de Fran.
No segundo tempo foron os lucenses quenes dominaron o partido, pero a boa defensa visitante desbaratou tódolos intentos de conseguir o empate e os locais non tiveron oportunidades excesivamente claras. O cansancio comezou a facer mella no Sporting, pois o despliegue físico fora importante durante todo o partido, pero aínda así foron capaces de aguantar o resultado e incluso tiveron algunha ocasión boa para ampliar a ventaxa, sobre todo unha por parte de Garboso, que se plantou só diante do porteiro pero o seu disparon marchouse lamendo o pau. Puente, nunha boa xogada persoal, Javín ou Maqueto tiveron tamén algunha ocasión. O partido rematou así, cunha gran victoria do Sporting que lle permite alonxarse dos postos de perigo e poñerse a só 3 puntos do Meira, 4º na táboa.
A seguinte xornada os de Sachas recibirán ó líder, o Pastoricense, na Mina o próximo domingo, nun partido que se prevé atractivo pola proximidade de ambas localidades.

Aut. Xuvenil: Goleada de escándalo ante o Iberia (10-0) para resarcirse da derrota en Viveiro

Logo de caer na xornada anterior ante o Viveiro "B", este sábado volveu a aparecer pola Mina o Sporting das grandes ocasións. Esta vez a víctima foi o Iberia, equipo que se viu desbordado, sobre todo no segundo tempo, polo empuxe e a calidade dos locais. No minuto 15 o marcador xa rexistraba un 2-0. O encargado de abrir a lata foi Antón logo dunha boa xogada individual pola banda esquerda, e minutos despois Matelo ampliaba a ventaxa cunha volea que se colou pola escadra da portería visitante. Ata cerca do descanso non chegaría o terceiro, obra outra vez de Matelo logo dun regalo do gardameta, que fallou no saque e deixoulle o balón franco ó dianteiro asturiano, que definiu cunha boa vaselina. Con este resultado iríanse ós vestiarios. No segundo tempo a superioridade dos da Mina sería aínda máis palpable. Picota faría o cuarto cun disparo que se colou logo de petar nun defensor, e o quinto e o sexto levarían a firma de Turbo, o primeiro cun tiro dende lonxe que e o segundo cunha xogada individual que rematou case sen ángulo. A defensa do Iberia seguía facendo augas e iso aproveitouno Tontxu para facer o sétimo, que conseguiu logo de regatear a dous defensores e colocando o balón na escadra do marco visitante. O oitavo foi obra de Andrés Seoane cun remate picado de cabeza logo dun centro dende a banda dereita. O noveno levou de novo a sinatura de Tontxu, con outro bo disparo e o encargado de cerrar a exhibición foi Ayoub, que marcou un bonito gol logo de plantarse diante do porteiro e regatealo cun gran recorte. Así rematou un partido sin historia, cun rival que veu á Mina por puro trámite e cun Sporting que tiña ganas de deixar boas sensacións logo da última derrota.
Os de Moirón van visitar a próxima semana ó Pastoricense, equipo revelación do que vai de liga. O partido será na mañá do próximo sábado.

domingo, 1 de noviembre de 2009

Avance resultados

Sábado 31 de Outubro, 16:30 h.
1ª Autonómica Xuvenil, Grupo 8
Xornada 9
Campo da Mina
Sporting Pontenova 10 - 0 Iberia C.F.
Goles: 1-0 Antón, 2-0 Matelo, 3-0 Matelo, 4-0 Picota, 5-0 Turbo, 6-0 Turbo, 7-0 Tontxu, 8-0 Andrés Seoane, 9-0 Tontxu, 10-0 Ayoub

Sábado 31 de Outubro, 20:00 h.
2ª Autonómica, Grupo 6
Xornada 8
Campo Luis Gorgoso (Frigsa) (Lugo)
A.D. Luis Pimentel 0 - 1 Sporting Pontenova
Goles: 0-1 Fran