lunes, 23 de noviembre de 2009

Aut. Xuvenil: Victoria e golpe na mesa en Lourenzá (0-1)

Como rezan as camisetas, a "marea gualdinegra" invadiu o pasado sábado Vilanova de Lourenzá. O partido non se presentaba nada fácil pois o rival, terceiro na táboa a 6 puntos do Sporting, aínda non perdera nin un só partido no que levaban de Liga. Pero enfronte estaba o líder, que chegaba nun gran estado de forma e que afronta o tramo máis importante do que vai de competición pletórico de forzas.
Comezou o partido xa coa primeira victoria, a da tribuna. Bo ambiente na grada e máis de tres cuartos dos presentes chegados desde A Pontenova, algo que sempre é de admirar e de agradecer. Pero no campo as cousas non serían nada fáciles. Nos primeiros minutos os locais parecían máis enchufados e puxeron en apuros a Xoel en varias ocasións, pero pouco a pouco os de Moirón comezaron a controlar o choque. O rival sentíase forte e puido estrear o marcador con algunha oportunidade clara, incluso houbo unha xogada polémica na área do Sporting que ben puido ser penalti. Pero os visitantes foron gañando terreo e a primeira gran ocasión tivoa Tontxu nun gran remate de cabeza que non acabou dentro por pouco. A partir de ahí os da Mina fixéronse definitivamente co control e comezou a rondar continuamente a portería laurentina. Christian e Matelo puideron subir o primeiro pero o marcador non se movería antes do descanso.
Tralas boas sensacións do primeiro tempo ambos equipos saltaron nesta segunda parte na busca da victoria. Comezou dominando o Sporting Pontenova, que nos primeiros 25 minutos da reanudación contou con múltiples ocasións, pero parecía que o balón non quería entrar. Estiveron cerca Turbo, Matelo ou Antón, incluso Tontxu volveu a estar a punto de marcar cunha falta directa botada maxistralmente que sacou o porteiro cunha excelente parada. Pero logo do arreón visitante, o Lourenzá comezou a gañar terreo pouco a pouco e a poñer en apuros a Xoel de novo. Pero cando peor o estaba pasando o Sporting chegou o gol. O balón chégalle a Christian en banda dereita, chega ata a línea de fondo e saca un centro ó segundo pau dónde aparece Antón, que fai unha deixada para que Matelo, esperando no punto de penalti, fusile por baixo ó porteiro laurentino. Adiantábase o Sporting quedando 10 minutos para o remate, polo que tocaba manter o resultado. Creceu en intensidade o partido, incluso se produciron varias tanganas entre xogadores, o que acabou por favorecer ós visitantes pois perdéronse varios minutos nesas disputas. E así se chegou ó final, coa importantísima victoria dos de Moirón gracias ó gol de Matelo cando xa se apuntaba ó 0-0.
Con este resultado o Sporting Pontenova abre brecha co Lourenzá, que queda xa a 9 puntos aínda que cun partido menos. O seguinte partido vai ser aínda máis importante, pois visita a Mina o Foz, segundo clasificado e principal rival dos pontenoveses polo título. O encontro será o próximo sábado 28 ás 16:15 da tarde.

No hay comentarios: