lunes, 22 de febrero de 2010

2ª Autonómica: O Sporting continúa mellorando pero non pode co Sacido nin co árbitro (1-0)

Un Sporting en plena ascensión visitaba o pasado domingo o Municipal de Viveiro para enfrontarse ó segundo clasificado, o Sacido. Nun bo partido dos de Sachas, unha pésima actuación arbitral acabou coas esperanzas dos pontenoveses de sacar algo positivo do encontro.
O aire perfilábase como o condicionante máis grande no partido, e ó Sporting tocoulle xogar con el a favor nos primeiros 45 minutos. Neste período foron os gualdinegros quenes levaron principalmente o peso do encontro, e súas foron as oportunidade máis claras. Fran tivo dúas, a mellor nunha falta moi ben tirada que non entrou por moi pouco. Otto tamén estivo a punto de inaugurar o marcador cun gran disparo dende lonxe, pero ó descanso chegouse co 0-0 inicial.
No segundo tempo foi o Sacido quen xogou co vento a favor e comezou a dominar dende os primeiros minutos, aínda que a defensa do Sporting volveu a rendir a un bo nivel e neutralizou con solvencia as poucas acometidas dos locais. Pero rápidamente se animou o partido gracias ó colexiado. Nunha disputa de balón entre Villy e o dianteiro vivariense, o lateral pontenovés gaña limpiamente o esférico pero o árbitro, ante a incredulidade dos xogadores do Sporting, sinala penalti. Tivo que lanzarse dúas veces: na primeira o xogador do Sacido consegue marcar, pero o árbitro dice que hai que repetir e no segundo intento Juanki consegue deter o disparo. Conseguira o Sporting saír vivo do primeiro erro do trencilla, pero 4 minutos despois volve a sinalar pena máxima por unhas mans inexistentes de Carlos, que intentaba protexerse, aparte de que a xogada produciuse un metro fóra da área. Lánzase o penalti, pero o balón márchase por riba do marco pontenovés. Continuou o partido milagrosamente con 0-0 e con aparente normalidade, sen grandes ocasións para ningún equipo. Por parte dos de Sachas, únicamente unha ocasión de Iván levou algo de perigo á porteria local logo de unha internada pola banda dereita na que consegue sortear a varios contrarios e posteriormente tirar dende fora da área. Non lle perderon a cara ó partido os da Mina, que con combinacións no centro entre Marcos Conde e Cholas tivo momentos de bo fútbol, pero ó árbitro aínda lle quedaban ganas de protagonismo. Quendando poucos minutos para o final, nunha xogada dentro da área pontenovesa, o dianteiro do Sacido amortíguase claramente o balón coa man e, logo dun barullo, chega o tanto dos locais. Os gualdinegros, incrédulos, increpan con desesperación ó colexiado, e as protestas sáldanse cunha amarilla para Otto, seguida da súa expulsión supostamente por doble amonestación, aínda que o xogador pontenovés só vira unha tarxeta. Ó remate do partido, a explicación do árbitro foi que non importaba, que estaba expulsado e que se continuaba coas protestas a sanción podería chegar ós 5 partidos, a pesar de que era consciente de que non tiña a razón. Despois desta desafortunada xogada, consumíronse os poucos minutos que quedaban con algunha xogada de perigo por parte dos visitantes, que intentaron empatar con varios contragolpes levados por Iván e Javi, pero o marcador non se movería e o encontro rematou co 1-0 para o Sacido.
Con esta derrota, os de Sachas quedan no 10º posto con 29 puntos empatados co Meira e co Alfoz, 9º e 10º respectivamente. O Xermade, 4º, queda agora a 6 puntos e o descenso, que o marca o Candelaria, está xa a 13. O seguinte compromiso será o próximo fin de semana na Mina ante o Luis Pimentel de Lugo.

Consulta aquí a clasificación.

No hay comentarios: