martes, 1 de junio de 2010

Aut. Xuvenil, Fase de Ascenso: O soño continúa logo de superar o primeiro escalón (3-1)

A previsión, vendo os precedentes, era dunha gran tarde na Mina. E así foi. Dende case unha hora antes do partido o feudo pontenovés comezou a rexistrar o ambiente das grandes tardes, con un colorido gualdinegro poucas veces visto ata agora. E no momento de comezar o partido, o aspecto do campo era impresionante, animado tamén pola afición visitante, que aínda sen ser moitos, fixéronse sentir en todo momento.
O encontro comezou cun Sporting nervioso, dubitativo, que parecía sentir a presión dun ambiente que non cesou de apoialos en ningún momento. E máis cando peor o pasaron, nos primeiros 15 minutos dónde o dono do partido foi o Porto do Son, que dispuxo da primeira gran oportunidade mandando un balón ó longueiro nunha falta directa. A contestación foi igual de contundente por parte de Picota, que case cola un despexe dende 60 metros que acabou golpeando no pau cando o porteiro estaba xa superado. Pero ó que máis lle temían os de Moirón era a recibir un gol en contra, xa que necesitarían 2 como mínimo para superar a eliminatoria. E iso sucedeu arredor do minuto 10. Nun balón aparentemente sen perigo, a falta de contundencia na defensa facilitou o gol visitante, logo de que o esférico rebotase na madeira e quedase morto para que un atacante do Son marque a pracer. Poñíase costa arriba o desafío, pero iso pareceu animar ós xogadores e ó público e a partir dese momento comezouse a ver o Sporting das grandes tardes. Matelo puido conseguir o empate nun par de ocasións, pero e ambas o porteiro visitante estivo máis atinado e non lle permitiu ó asturiano inaugurar a súa conta. Pero aínda así non tardaría en chegar o primeiro da tarde para os locais. Cerca do minuto 25, nun barullo dentro da área, Turbo acabou fusilando por baixo ó gardameta no disparo que significou o comezo da remontada. Dende ese gol, a afición levou aínda máis en volandas ó equipo e antes do descanso conseguiu darlle a volta ó marcador, gracias a un gol de Antón noutro balón solto dentro da área e con un chisco de fortuna. Nese momento o Sporting estaba xa clasificado, pero aínda quedaba moito partido para sufrir e o Porto do Son non ía conceder nin o máis mínimo respiro. Así se chegou ó descanso.
No segundo tempo os pontenoveses saíron dende o principio na busca do terceiro gol, o da tranquilidade. Pero os visitantes, sabedores de que un gol daríalles o pase, non baixaron a intensidade e puxeron en serios apuros ós de Moirón, sobre todo nos últimos 15 minutos. As oportunidades seguiron chegando para ambos bandos. Polo Sporting, puideron marcar Turbo, Antón, Tontxu ou Matelo, pero o gol seguíase resistindo e a ansiada sentencia parecía cada vez máis difícil. Sobre todo cando, a falta dun cuarto de hora, o árbitro anulaba un gol de Turbo logo dunha gran xogada de estratexia, que acabou con un tiro ó pau de Roxo que rematou a gol o de Pol, supostamente en posición antirregulamentaria, logo de cazar o rebote. A partir dese momento os do Son viñéronse arriba e comezaron a asediar continuamente o marco de Xoel, pero a sólida defensa pontenovesa conseguiu impedir unha e outra vez as acometidas rivais. E, por se quedaba algunha dúbida, no tempo de desconto chegou o definitivo 3-1, obra de Tontxu cun remate dende o punto de penalti noutro balón solto. E non houbo tempo para máis.
Nese momento A Mina estallou de alegría no que significou outra gran tarde de fútbol na Pontenova, á que esperemos se lle una outra dentro de 15 días coa visita do Noia, que será o rival na última ronda de cara ó ascenso logo de deixar na cuneta ó Lalín. Pero antes, o próximo sábado, xogaráse o partido de ida na localidade da Costa da Morte, ás 18:00 da tarde. Para facilitar o desplazamento de afeccionados, o clube poñerá á súa disposición un autobús que sairá da plaza dos foron ás 12 da mañá.
E por suposto, agradecer a toda a afición que encheu a Mina o pasado sábado con máis de 500 persoas que non pararon de animar en todo o partido, e que volveron a darlle un colorido impresionante ó noso campo. E tamén felicitar ó Porto do Son polo seu gran papel e polo seu excelente comportamento tanto na Pontenova como no partido de ida.

No hay comentarios: