jueves, 27 de enero de 2011

2ª Autonómica: O Sporting colle aire cunha gran victoria en Guitiriz, a primeira da segunda volta

O Sporting Pontenova chegaba en cuadro á localidade de Guitiriz para enfrontarse a un dos fortes da categoría, que ocupaba o cuarto posto da táboa. Nunha tarde moi fría, os de Moirón lograron adiantarse rápidamente no marcador gracias a unha pena máxima transformada por Maqueto, e a partir dahí conseguiron defender a renta e incluso se puideron marchar ó descanso con algún tanto máis no seu contador. No segundo tempo os locais apretaron, pero ó final os tres puntos viaxaron cara A Mina, tres puntos que lles serven ós gualdinegros para escalar un posto e coller algo de aire con respecto ós dous últimos clasificados.
Tarde demasiado fría no Suso Cruz de Guitiriz. O Sporting, logo de dous empates consecutivos, buscaba encarecidamente a primeira victoria da segunda volta, que lle permitise alonxarse un pouco dos postos de descenso e acercarse a rivais como o Mondoñedo ou o Pol, que eran os que marcaban o límite coa tranquilidade. E non puido comezar o partido de mellor maneira. Nos primeiros minutos os pontenoveses parecían mellor plantados e fixéronse co control do partido, mostrándose superiores a un dos favoritos ó ascenso. Arredor do minuto 10, nun córner a favor dos visitantes, un xogador do Guitiriz golpea o balón coa man dentro da área e o árbitro non dubidou. Penalti. Maqueto, o especialista nestes casos, non errou. Adiantábase o Sporting, saltaba a sorpresa. Tocaba conservar a renta, e a partir dese momento os locais iniciaron un "querer e non poder" ante a escuadra pontenovesa. O Guitiriz non era capaz de penetrar a boa defensa gualdinegra, que non viu peligrar o resultado agás nun par de accións aisladas. Incluso se puideron marchar ó descanso con algún gol máis na súa conta. A oportunidade máis clara foi de Jorge, que se plantou só diante do porteiro pero non foi capaz de definir cando xa se cantaba o segundo. Segue así a mala racha de cara a porta do atacante pontenovés, que non ve porta dende a primeira xornada. Outro que segue negado diante do marco rival é Javín, que tamén gozou de algunha ocasión pero sen sorte á hora do gol. Rematou así o primeiro tempo, con ventaxa visitante.
Na segunda parte o Sporting saíu convencido da victoria, aínda que con perigosos antecedentes que non facían presaxiar un final feliz para os de Moirón. Pero esta vez a historia cambiou, e os gualdinegros mostráronse como un equipo serio que non lle concedeu apenas ocasións ós locais, pois nas chegadas das que dispoñían atopábanse sempre con defensores visitantes ou con Xoel. En ataque, a entrada do xuvenil Diego deulles frescura pola banda dereita, e tivo algunha internada perigosa polo seu costado. Máis tarde participaron tamén Miguel Camiño e Catalin, que completaron de novo unha boa actuación co primeiro equipo. Iban pasando os minutos e o Guitiriz parecía que non iba ser capaz de lograr a igualada. Mentres o Sporting seguía ó seu, mostrándose firme en defensa e intentando aproveitar algún contraataque ou algún despiste local para conseguir o segundo, pero o marcador non se movería e ó final o gol de Maqueto resultou decisivo.
Estes tres puntos sérvenlles ós de Moirón para adiantar ó Mondoñedo e para situarse a 4 puntos dos postos de descenso. Por diante, o Pol queda agora a só un punto, o Cospeito a 4 e o Meira a 6. Será precisamente este último o próximo rival, nun derbi comarcal que se disputará na Mina o próximo domingo 30 de xaneiro ás 16:30 da tarde.

No hay comentarios: