martes, 13 de septiembre de 2011

2ª Autonómica: O Sporting cae goleado polo Guitiriz no seu estreo

Non comeza ben a liga 2011/2012 para o novo Sporting Pontenova. Igual que o curso pasado, o primeiro partido sáldase cunha goleada en contra e sen deixar boas sensacións. Esta vez o estreo foi na Mina ante o Guitiriz, un dos chamados a estar pelexando polo ascenso a final de temporada e que gozou dun partido tranquilo no feudo pontenovés case dende o principio.

Cun Sporting tocado polas baixas de Rivas, Pablín, Marcos Conde, Óscar, Rañón e Otto, presentábase un partido que xa se sabía de antemán que iba a ser tremendamente difícil, pero a boa pretemporada dos gualdinegros deixaba un fío de esperanza para comezar, por unha vez, o campionato cunha victoria. Pero pronto se truncou o guión, pois o Guitiriz adiantouse na primeira chegada, preto do minuto 5. A partir dese momento os visitantes fixéronse co control total do partido, cun Sporting que o intentaba pero non era capaz de chegar con perigo á meta rival. Tampouco axudaron as lesións, pois Fran tivo que retirarse mediado o primeiro tempo e preto do descanso, Juanki tamén rompeu e tivo que entrar Xoel no seu lugar. En ataque, Javín e Puente foron os máis activos, e gozaron das dúas ocasións máis claras. Nunha contra case perfecta, o balón acabou nos pés do 9 pontenovés, que dende a frontal da área mandou un trallazo que se foi fóra logo dun paradón do porteiro e coa axuda do poste. Puente tamén tivo outra boa oportunidade logo dunha deixada de Javín preto da área pequena, pero o seu disparo marchouse fóra. Tamén o Guitiriz tivo as súas oportunidades, pero o marcador non se movería e ó descanso chegouse con 0-1.
Os primeiros compases da segunda parte foron os mellores dos locais, que chegaron a rondar o empate en varias ocasións. O ataque formado por Jorge, Puente e Javín comezaba a crear problemas, pero o gol non daba chegado. A oportunidade máis clara para lograr a igualada tivoa Maqueto, cun gran remate de cabeza á saída dun córner que se foi á esquerda da portería por moi pouco. E noutro córner chegou o 0-2 que semellaba sentenciar o partido. Foi nun fallo da zaga sportinguista, que permitiu a un atacante rival rematar só a un metro da portería e batir a Xoel para subir o segundo á conta do Guitiriz. A partir dese momento os locais volcáronse hacia a meta visitante, pero sen acerto, o que propiciou que se creasen mais espacios que o rival soupo aproveitar nun par de ocasións, a última delas rematando nun golazo de vaselina que significou o definitivo 0-3.
Despois deste duro correctivo, os de Moirón poderán resarcirse o próximo sábado en Cervo, ás 5 da tarde.

No hay comentarios: