miércoles, 29 de septiembre de 2010

2ª Autonómica: O Sporting colleita ante o Guitiriz a terceira derrota consecutiva (2-4)


Nova derrota do Sporting como local, polo que sigue sen arrancar nesta liga na que acumula 3 derrotas noutros tantos partidos. A lectura positiva é que por agora só se enfrontou a equipos favoritos para o ascenso e que en todos eles deixou boas sensacións en moitos momentos, optando incluso á victoria. O do sábado na Mina, que presentaba unha boa entrada, foi un encontro intenso, con goles, que non se resolveu ata os últimos minutos.
Segue sen funcionar o novo Sporting Pontenova de Moirón, que o sábado volveu a caer na casa diante do Guitiriz, un recén descendido e favorito ó ascenso, polo que se sitúa último na táboa con 3 derrotas en 3 xornadas. O encontro comezou con alternativas para ambos equipos, pero foron os visitantes quenes co paso dos minutos se foron facendo co control do balón. Estáballe costando ós da Mina fiar xogadas de ataque, pois a defensa ben plantada do rival impedíalle aproveitar os amplos recursos cos que contan os gualdinegros na zona de creación, que non era capaz de conectar cos 3 atacantes que puxo Moirón sobre o céspede, ós que se lles sumaban as chegadas de Jorge dende o mediocampo. Sen embargo, os visitantes semellaban estar máis finos e chegaron con perigo en varias ocasións. Nunha delas, mediada a primeira parte, chegou o primeiro tanto. Un disparo dende o borde da área foi ben rexeitado por Xoel, pero a mala sorte fixo que un dianteiro estivese xusto alí para facer o primeiro da tarde de cabeza. Poñíanse de novo as cousas costa arriba, pero a reacción local non se fixo esperar. Dous minutos despois, nunha gran xogada individual, Javín puxo a igualada cun golazo, logo de controlar o balón e golpealo sen deixalo caer, poñéndoo lonxe do alcance do gardameta. Sobrepúxose rápidamente o Sporting, da mellor maneira posible, e nos seguintes minutos parecía que se podía adiantar no marcador. Pero cando todo apuntaba a que o resultado non se movería ata o descanso, caeu un xarro de auga fría no bando sportinguista, pois os visitantes volvéronse adiantar a un minuto do parón. Foi nunha xogada desafortunada, na que Xoel mide mal a salida e non acerta a despexar o balón, deixándolle o gol en bandexa ó dianteiro do Guitiriz. E con ese mazazo se foron ós vestiarios.
No segundo tempo o equipo volveu a recordar ó do último partido ante o Cervo. Os de Moirón fixéronse dominadores dende o primeiro minuto, e as oportunidades non tardaron en chegar. A calidade dos homes de arriba, sumado á velocidade dos extremos, estaba a poñer en apuros continuos ós visitantes, que se viron obligados a parar os ataques locais con faltas. Nunha desas chegou a primeira gran oportunidade. Nun golpe franco na frontal dereita da área, Puente enviou un zapatazo coa zurda que se foi ó poste cando xa se cantaba o gol do empate. Esta vez era a mala sorte a que se cruzaba no camiño do extremo do Sporting, que continúa coa súa sequía goleadora. Minutos despois, nunha xogada pola banda dereita na que Javi chega á línea de fondo, o seu "pase da morte" case é aproveitado por Javín, pero o seu remate de tacón márchase lambendo a base do pau. A falta de pegada volvía a salir a relucir, pois as numerosas oportunidades que foron capaces de crear os locais nunca tiñan final feliz. E de novo, co equipo volcado, o Guitiriz aproveitou un despiste na defensa para poñer o 1-3 cunha perfecta vaselina. Semellaba sentenciado o partido, pero os de Moirón non baixaron os brazos e continuaron co seu asedio. Carlos, que saíu para cazar balóns na punta de ataque, puxo o 2-3 cun magnífico disparo dende a frontal que se colou pegadiño ó pau dereito da meta rival. Quedaban poucos minutos e o Sporting volvía a meterse no partido. Pero o empate non chegaba, e xa no desconto, o Guitiriz puxo o 2-4 definitivo nunha contra perfecta ante a que nada puido facer unha defensa que nese momento estaba volcada na búsqueda da igualada. E non houbo tempo para máis.
Despois desta derrota os da Mina sitúanse no último lugar empatados co Pol de Miranda. Terán a oportunidade para abandonar ese posto o próximo sábado, en Meira, ás 16:30 da tarde.

No hay comentarios: