martes, 21 de diciembre de 2010

2ª Autonómica: O Alfoz lévase o partido no '89 ante un gran Sporting sen puntería

Visitaba a Mina o pasado sábado o Alfoz, un dos equipos que ocupan a cabeza da táboa. Pero non se amilanaron os locais por ese feito, e logo dunha primeira parte tranquila, no segundo tempo viuse a un gran Sporting que só pecou de falta de puntería. Javín tivo nos seus pés a victoria en varias ocasións, pero foi o Alfoz quen se acabou levando a victoria cun gol a balón parado no último minuto. Incluso despois puido empatar o Sporting, pero Rañón non conseguiu definir diante do porteiro.

O partido do pasado sábado tivo dúas partes ben diferenciadas. Logo dunha primeira con dominio compartido, aínda que lixeiramente máis controlado polo Sporting, na segunda parte os locais foron donos e señores do partido. Do primeiro acto pouco que contar. Coa volta de Maqueto ó mediocampo pola baixa de Leivas, o equipo gañou en calidade no centro e intentou tocar máis o balón que en ocasións anteriores. En defensa non se pasaron apuros, e en ataque intentouse aproveitar a velocidade de Puente e Jorge polos costados para que estes buscasen no centro a Javín, que procurou durante todo o partido romper a súa mala racha de cara a porta, aínda que esta non fixo máis que agravarse. Ó descanso chegouse co 0-0 inicial.
Foi no segundo tempo cando o partido creceu amplamente en intensidade. Dende o primeiro momento o Sporting colleu a iniciativa, e co paso dos minutos as ocasión foron máis frecuentes e máis claras. Notouse de novo a entrada de Fran, que segue co seu gran estado de forma. Pero o protagonista do ataque pontenovés volveu a ser Javín, que se mostrou moi activo e participativo en todo momento, flanqueado agora por Jorge e Fran nas bandas, os encargados de surtirlle balóns. Pero ahí comezaron os problemas. A falta de puntería volveu a evidenciarse, personificada no 9 gualdinegro. Tivo duas ocasións clarísimas para inugurar o marcador. Na primeira non foi capaz de marcar nun remate a bocaxarro a un metro da línea de gol, estrelando o balón no gardameta. Na segunda volveuse a plantar só diante do porteiro, e logo de superalo con unha vaselina, un defensa sacou o balón cando xa se cantaba o tanto na Mina. Estaba volcado o Sporting na búsqueda dunha victoria que lle fixese coller aire, pero o tempo estábase acabando e o gol non daba chegado. Rañón dispuxo dun libre directo ó borde da área, nunha situación inmellorable, pero o seu disparo estrelouse na barrera. Pero o Alfoz, que estivo a merced do rival todo o segundo tempo, golpeou cando máis doe, no minuto 89. Nunha falta lateral botada dende a dereita, un xogador alfocense conecta un remate de cabeza perfecto que supera a Xoel por alto, situando o 0-1 que á postre sería definitivo. Xarro de auga fría para os locais, que non se viñeron abaixo e gozaron doutra gran oportunidade para o empate antes do final, pero Rañón disparou ó corpo do porteiro cando se conseguira plantar diante del. Ó remate, inxusta victoria do Alfoz que deixa ós de Moirón nunha situación complicada. A lectura positiva é o gran xogo desplegado no segundo tempo, pois xogando así os goles acabarán por entrar.
Agora comeza un período de tres semanas de descanso antes do seguinte compromiso, o día 9 de Xaneiro ante o Cospeito, no primeiro partido da segunda volta. Esperemos que o 2011 comece de mellor maneira da que remata o 2010.

No hay comentarios: