martes, 22 de diciembre de 2009

2ª Autonómica: Un Sporting sin pegada non pode co Galdo a pesar de facer un bo partido (0-0)

O pasado domingo recibía o Sporting na Mina ó Galdo, equipo da parte alta da táboa, nunha tarde fría que se presentaba complicada para os de Sachas. Pouco ambiente nas gradas, o que non axudaba a entrar en calor nin ós xogadores nin ós poucos aficionados, pero o bo xogo dos pontenoveses co paso dos minutos axudou un pouco a levantar os ánimos. Sobre o papel tiña que ser o equipo visitante o que levara o control do partido, pero no campo as cousas non son como pintan e o Sporting fíxose dono e señor do partido case dende o primeiro minuto e chegando con perigo continuo á meta viveirense, sobre todo polas bandas de Iván e Fran. Ambos tiveron oportunidades para abrir o marcador, pero nuns casos o porteiro e noutros a falta de puntería deixaban sen premio ós da Mina. As oportunidades máis claras neste primeiro tempo foron con remates de cabeza. Un por parte de Maqueto á saída dun córner, que se foi fóra por pouco, e outra con un centro dende a banda dereita no que Puente non calcula ben os tempos do salto e acaba rematando moi desviado. A pesar das ocasións, ó descanso chegouse co 0-0 inicial.
Os precendetes para o segundo tempo non eran nada bos, pois a relaxación nas segundas partes xogáralle malas pasadas ó Sporting en partidos anteriores. Pero non ocurriu o domingo. Mentres o rival só inquietaba con accións aisladas, os de Sachas seguiron practicando un fútbol que, sen ser bonito, era práctico e as ocasións seguíronse producindo. A primeira neste período chegou nunha falta dende 30 metro botada por Manu, na que no seu intento de centrar case marca despois de que ninguén tocase o balón. O mesmo xogador tería minutos despois outra boa ocasión nun remate de cabeza que se foi por moi pouco á dereita do gardameta. O máis activo neste segundo tempo foi Javi, que contou ata con tres oportunidades, a máis clara nun centro dende a banda esquerda que remata fóra cando xa se cantaba o gol na Mina. Fran e Carlos tamén puideron abrir a conta goleadora, pero ó final o marcador non se moveu e o encontro finalizou con empate sen goles. A pesar do punto logrado, o Sporting rematou o partido con boas sensacións polo xogo realizado ante un dos mellores equipos da categoría.
Con este empate, os de Sachas sitúanse no posto 12º con 18 puntos, a só 4 do Alfoz, 8º clasificado. O límite cos postos perigosos márcao o Parga, que está 14º con 12 puntos. Despois do parón de Nadal, que durará 3 semanas, comezará a segunda volta para o Sporting, que para empezar visitarán a un rival moi duro, o Pol de Miranda.

No hay comentarios: