miércoles, 16 de noviembre de 2011

2ª Autonómica: O Sporting sigue sin levantar cabeza e cae na Mina ante o Candelaria

A mala xeira continúa. Despois dun inicio de Liga esperanzador, os de Moirón metéronse nunha espiral de malos resultados da que está sendo difícil saír, e que os levou hacia a zona baixa da táboa. O último capítulo, o pasado sábado na Mina ante o Candelaria, nun partido que comezou con gol sportinguista e cun penalti fallado por Maketo, e que rematou con remontada dos de Rúa para levarse finalmente o partido por 1-2.

Nunha agradable tarde para ser Novembro, aínda que con moi pouco público na bancada, o choque comezou cun Sporting superior e ben plantado no campo, controlando ben o xogo. Aínda así as oportunidades non eran claras, pero chegou o primeiro gol. Un auténtico golazo, pois Villy enganchou un balón dende o mediocampo que sorprendeu a un adiantado porteiro do Candelaria para firmar así o seu primeiro tanto como xogador do Sporting. Era o minuto 8 e as cousas xa se poñían de cara. E puidéronse poñer máis aínda cando, minutos despois, o árbitro sinala penalti na área visitante. Maketo é o encargado de tiralo, pero o seu disparo é rexeitado polo meta mariñano, perdendo unha moi boa oportunidade para poñerse 2-0 no marcador e afrontar o resto do encontro con máis tranquilidade. Pero se as cousas podían ir a peor, foron a peor, e na xogada seguinte o colexiado volveu a sinalar outra pena máxima, esta vez na área do Sporting por falta de Bruno. Entre o pau e Xoel sacan o primeiro disparo, pero o xogador do Candelaria está atento ó rechace e esta vez sí, aínda que con suspense, logra poñer as táboas na Mina. A partir dese momento foron os vermellos os que pasaron a dominar o partido, pero ó descanso chegouse coa igualada.
No segundo tempo as cousas seguían máis ou menos como no primeiro. O choque estaba sendo bastante igualado, pero eran os visitantes os que vían o gol máis cerca. O Sporting seguía ó seu, intentando volver a collerlle o peso ó choque, pero sin claridade arriba, o problema máis serio dos últimos partidos. E o que se vía vir, sucedeu, pois foi o Candelaria o que conseguiu adiantarse no marcador. Estaba mediado o segundo tempo, e había que volcarse, polo que Moirón deu entrada a un dianteiro, Puente, en lugar dun defensa, Marcos Conde. Non quedaba outra que ir a polo partido, pero a arriesgada aposta do míster non deu resultado e os gualdinegros non foron capaces nin sequera de igualar a contenda, polo que o partido rematou cun 1-2 para os de Rúa.
Este resultado deixa ós pontenoveses na parte baixa con só 9 puntos en 10 partidos, aínda que a tiro de pedra dos postos tranquilos da táboa. O seguinte compromiso será en Matela, o vindeiro domingo ás 16:15 da tarde.

No hay comentarios: