martes, 15 de febrero de 2011

2ª Autonómica: O Sporting regala 40 minutos e desperdicia un 3-0 ante o Muimenta na Mina

Dúas caras moi diferentes as mostradas polo Sporting Pontenova o pasado sábado. Volvía Garboso á Mina defendendo a camiseta do Muimenta, segundo clasificado, pero unha perfecta primeira parte dos pontenoveses fixo que no campo non se notase a distancia na táboa e ó descanso chegouse cun 2-0, con goles de Javín e Jorge, e co partido controlado ó antoxo dos gualdinegros. Á volta dos vestiarios Fran fixo o 3-0 que parecía definitivo, pero a partir dese momento unha extraña "pájara" afectou ós locais e o marcador final foi un inesperado 3-3, que incluso puido ser peor vendo as oportunidades dos visitantes nos últimos minutos.

Partido de contrastes o do pasado sábado. Nunha Mina que presenciaba unha boa entrada para ver a un dos mellores equipos da liga, os de Moirón saíron a pola victoria dende o primeiro minuto e mostráronse superiores a un Muimenta sorprendido por un dos equipos máis débiles cando actúa como local. Pouco a pouco, Jorge foi collendo protagonismo e, xunto con Javín, protagonizou as xogadas con máis perigo da primeira parte. Nos minutos iniciais gozou de dúas oportunidades moi claras. Na primeira, despois de desfacerse de dous defensores, prantouse diante do porteiro no punto de penalti pero cruzou o balón demasiado cando xa se cantaba o primeiro. Na segunda ocasión, un pase en profundidade dende atrás volveuno a deixar só, pero o gardameta do Muimenta estivo rápido e tapou o seu disparo. Pero nada podería facer minutos despois. Nunha xogada embarullada logo dun saque de esquina, Javín resolveu o barullo fusilando a meta celeste e rompendo así unha sequía que xa lle duraba case tres meses. Adiantábase así o Sporting de forma merecida, pero non se relaxou e continuou buscando o segundo de forma insistente. A volta á titularidade de Fran estábaselle notando a un equipo que estaba ofrecendo algúns dos mellores minutos da temporada, e foi precisamente tras un gran pase deste cando chegou o 2-0. Balón medido cara a banda esquerda, donde aparece Jorge para definir ante a salida do porteiro subindo o segundo. Significaba tamén o fin doutra malísima racha, pois o último gol do extremo pontenovés remontábase á primeira xornada. Os aplausos da Mina agradecendo a boa imaxe do equipo eran un fiel reflexo das ganas da afición e dos xogadores de cambiar a xeira negativa do Sporting como local, donde só foi capaz de vencer nunha ocasión. E con este bon sabor de boca marcháronse os protagonistas ós vestiarios.
Nos minutos iniciais do segundo tempo o guión foi calcado ó primeiro. O control estaba sendo dos locais, e o terceiro tanto non se fixo esperar. Antes, unha ocasión de Puente nunha internada pola dereita na que o seu chut foi desviado polo porteiro. Escasos minutos despois, nunha xogada de Javín pola banda esquerda, o balón acaba nos pés de Villy que, dende a línea de fondo, da un pase cara o interior da área para que Fran, chegando dende atrás, supere ó meta do Muimenta cun disparo cruzado á cepa do poste. Delirio na Mina, pois os pontenoveses firmaban un 3-0 ante o segundo clasificado que parecía definitivo cando ían xa 50 minutos de partido. Pero ahí comezouse a complicar a cousa, sobre todo tras o cambio de Jorge, que tivo que abandonar o céspede por unhas molestias, entrando Gene no seu lugar e pasando Lolo, un dos mellores do partido, ó centro do campo. Ese troco fixo que o equipo se fose metendo cada vez máis atrás, o que propiciou que o Muimenta se viñese arriba pouco a pouco e comezou a gozar de oportunidades. O 3-1 chegou arredor do cuarto de hora do segundo tempo, e foi un trampolín para un equipo visitante que se iba crecendo co paso dos minutos e crendo na remontada. No Sporting medraba o nerviosismo e parecía cuestión de tempo o segundo dos celestes, pero aínda así non deixaron de intentalo e seguiron buscando o cuarto. Pero o que chegou foi o 3-2, nunha xogada na que os despistes de Xoel e da zaga gualdinegra propiciaron que o balón acabase de novo no fondo da rede. Aparecían os murmullos na Mina, pois aínda quedaban 20 minutos e o Sporting daba a sensación de estar azotado por unha "pájara" digna da máis dura carreira ciclista. Intentábano os de Moirón, que solventaban como podían os arreóns dun Muimenta totalmente volcado, pero o esforzo realizado fora moito e os visitantes parecían superiores en case tódolos aspectos. Os locais gozaron de algunha contra na que puideron levar perigo, pero non foron capaces de cerrar o partido. E cando semellaba que se podía conseguir a victoria, nos últimos instantes chegou o empate. Foi nunha xogada con polémica, na que se reclamou fóra de xogo do atacante chairego, pero o árbitro  non o sinalou e o balón acabou por aloxarse nas redes de Xoel, rematando así coa ilusión dun Sporting que se vía cerca de fuxir un pouco máis dos postos de descenso. Non houbo tempo para máis.
Con este empate, os gualdinegros seguen no antepenúltimo posto da táboa con 16 puntos, un lugar por enriba do descenso e a só un punto do seu predecesor, o Roupar. O próximo sábado visitará terras vivarienses para medirse ó Novas Raíces de Galdo, equipo que se atopa na zona tranquila con 29 puntos.

No hay comentarios: