martes, 1 de febrero de 2011

2ª Autonómica: O Sporting segue sen funcionar na Mina e cae no derbi ante o Meira

O domingo era unha boa ocasión para acercarse ós postos tranquilos e de paso meter ó Meira na loita pola permanencia, pero foron estes últimos os que saíron fortalecidos do choque disputado na Mina ó vencer por 0-2. Os de Moirón non realizaron un bo partido sobretodo en ataque, pero os visitantes tampouco mostraron a superioridade que reflexa o marcador final, pois só contaron con ocasións nos primeiros compases do envite. Outro dos protagonistas foi o estado do terreo de xogo, impracticable debido ás fortes chuvias, algo que non beneficiou nin a uns nin a outros.
Bo ambiente na Mina para recibir a un rival directo, nunha nova edición dun derbi comarcal que se está convertindo nun clásico nos últimos anos. O Meira chegaba á Pontenova 6 puntos por encima do Sporting, polo que era unha boa oportunidade para acercarse a eles e de paso deixar atrás a equipos como o Pol ou o Mondoñedo. Tamén había gañas de recuperar as boas sensacións como locais, pois ata o momento da Mina só saíra derrotado o Galdo. Pero cando ían poucos minutos de partido a balanza xa se desequilibrou hacia o bando celeste, que se conseguiu adiantar logo dunha falta lonxana que, tras un mal despexe de Gene e unha tardía salida de César, acabouse colando na portería local. Mal comezo, pero había tempo para a remontada e sobretodo, ganas. Aínda así, semellaba que os pontenoveses non eran capaces de collerlle de todo o pulso ó partido, pero xogaban coa tranquilidade de que o Meira tampouco estaba a poñelos en demasiados apuros. O estado do campo non axudaba en nada a que o fútbol fose bonito, e tampouco era propicio para o ataque gualdinegro, que depende demasiado da calidade de homes como Maqueto, Javín ou Jorge, que non eran capaces de levar perigo á meta meirense. No primeiro tempo as ocasións foron escasas para ambos bandos, pero as máis claras foron para os visitantes, que puideron ampliar a vantaxe cun disparo ó longueiro ou cun man a man que César solventou de maneira impecable. Visto iso, o marcador ó descanso reflexou o 0-1 a falta dunha segunda parte na que se esperaba a reacción local.
Iniciouse o segundo tempo cun Sporting que saíu a polo partido, e nos primeiros minutos gozou dun par de internadas de Jorge que a piques estiveron de subir o empate ó marcador. Entrou Iván Rañón no campo no sitio de Gene, para situarse por detrás de Javín enviando a Lolo ó centro da defensa. Esta entrada semellou darlle outro aire ós pontenoveses, pois participou en varias xogadas intentando conectar cos extremos ou buscando directamente a Javín na punta de ataque, pero o dianteiro gualdinegro non foi capaz de romper a súa mala racha, que xa se prolonga durante case 3 meses sen ver porta. Tamén probou Rañón ó porteiro con algún disparo lonxano, pero sen sorte. Parecía que o empate podía chegar, pois os de Moirón estaba disputando os seus mellores minutos. Pero a mala sorte volveu a aparecer na Mina mediado este segundo tempo, e nunha falta moi lonxana conseguiu o Meira sentenciar o partido, cun disparo fortísimo que César non foi capaz de blocar e que se acabou colando logo de petar no pau. Con este 0-2 a cousa parecía decidida, e aunque os locais o seguiron intentando, non houbo máis historia e ese acabou sendo o marcador definitivo.
Tras esta derrota, o Sporting segue por encima de Mondoñedo, Roupar e Bonxe, pero a só un punto dos postos de descenso, ocupados por estes dous últimos. Por arriba, o Pol esta tamén a só un punto, pero o Cospeito e o Meira escápanse a 7 e a 9 respectivamente.
O próximo sábado os de Moirón terán un difícil compromiso, ante o líder no Municipal de Xermade.

No hay comentarios: