miércoles, 10 de marzo de 2010

2ª Autonómica: Meritorio empate no campo do líder (1-1)

Rendíalle visita o Sporting ó Pastoricense o pasado domingo. Os locais, líderes e máximos favoritos ó ascenso, deixaron escapar moi poucos puntos do campo do Acebreiro esta temporada, polo que o reto para os de Sachas era moi complicado.
Comezou o partido como se prevía, cun Pastoriza controlando o balón diante dun Sporting ben plantado, sen complicarse, e disposto a poñerlle as cousas difíciles ó rival. Pero non tardou moito en torcerse o encontro. No minuto 5, nun saque de banda a favor dos gualdinegros, o balón acaba no contrario, que monta rápidamente o contragolpe aproveitando a descolocación dos pontenoveses e a xogada remata en gol para os locais. Non baxaron os brazos os da Mina a pesar do mazazo. Continuaron con seriedade, movendo o balón no medio con Cholas e Rivas como referencia e intentando aproveitar os fallos dun conxunto local que era quen levaba o peso do partido. Preto do cuarto de hora de xogo, un balón que envía Manu dende a defensa acaba nos pés de Fran, que logo do fallo dun zagueiro do Pastoricense plántase só diante do porteiro e define perfectamente situando o empate no marcador. Logo do gol pontenovés o guión non cambiou en exceso, cos líderes controlando a pelota pero cun Sporting bastante ben situado que non pasou serios apuros no que quedaba de primeira parte.
Logo do descanso parecía que os de Sachas saían máis enchufados e chegaron con certo perigo en algunha ocasión, pero pouco a pouco os do Acebreiro foron gañando metros e volvendo a facerse donos do xogo, chegando con bastante asiduidade ás inmediacións da portería de Juanqui. O asedio local ía crecendo co paso dos minutos, pero a seguridade da zaga sportinguista contrarrestaba o arreón do Pastoricense, que gozou dun tiro ó pau na súa ocasión máis clara. Por parte dos pontenoveses o achegamento máis perigoso foi por parte de Pablín, nunha xogada polémica na que se reclamou primeiro penalti e logo cesión, aínda que o árbitro decidiu en ambas que o xogo continuase. De ahí ó final do encontro máis do mesmo, os locais controlaron o balón en todo momento pero os da Pontenova foron capaces de conservar o valioso punto na cancha do líder.
Despois desta xornada os de Sachas seguen asentados na parte media da táboa, lonxe da zona de descenso. A vindeira fin de semana visitará a Mina o Rioaveso, e será o sábado día 13 ás 16:30 da tarde.

No hay comentarios: