miércoles, 24 de marzo de 2010

2ª Autonómica: O Sporting non pasa do empate en Bonxe (2-2) a pesar de adiantarse en dúas ocasións

Enfrontábase o Sporting o pasado domingo a un rival directo na táboa, o Bonxe, que está situado un posto por debaixo dos da Mina a só 2 puntos. O partido disputouse no campo de Telefunken, que presentaba unha pobre entrada a pesar da boa tarde que se disfrutou.
Comezou o encontro cos dous equipos tanteándose e cun Sporting que quería facerse co control do xogo sabedor do bo papel que está facendo neste curso nos partidos lonxe da Pontenova, algo do que desgraciadamente non se soupo aproveitar como debería. Estes primeiros 45 minutos non pasarán á historia, xa que parecía que os dous conxuntos se estaban reservando para a segunda parte, que resultou ser moito máis movida.
Iniciado o segundo tempo, o primeiro en golpear foi o Sporting cun gol de cabeza de Javín, o máximo goleador do equipo con 9 tantos ata o de agora. Parecía encarrilar así o partido o equipo gualdinegro, pero pouco despois sufriu o tanto do empate que volveu a deixar todo como estaba. Controlaban ben o esférico os de Sachas, aínda que as oportunidades estaban a ser para os dous bandos, polo que o segundo gol podería vir de calquer lado. E foi Fran quen volveu adiantar ó Sporting outra vez de cabeza, nunha xogada á que nos ten pouco acostumbrados o interior pontenovés. Volvíase a poñer de cara o partido, pero pronto apareceu a figura do árbitro para amargarlle a tarde ós da Mina, algo que está a ocurrir, desgraciadamente, con bastante frecuencia este ano. Nunha xogada moi polémica quedando 15 minutos para o remate, o colexiado sinala penalti a favor do Bonxe e Cholas vaise ós vestiarios expulsado por protestar. A pesar da desaprovación dos xogadores visitantes, a pena máxima execútase e remata na rede poñendo o 2-2 no marcador, que á postre sería definitivo.
Con este empate, o Sporting Pontenova queda outra xornada máis no medio da táboa, a 15 puntos dos postos de descenso directo pero só a 6 do Luis Pimentel, equipo que marca o límite coa zona con perigo de descenso por "arrastres". O seguinte encontro será na Mina ante o Parga, outro conxunto que está pelexando por non descender e que se atopa 5 puntos por debaixo dos de Sachas.

No hay comentarios: