martes, 5 de octubre de 2010

2ª Autonómica: O Sporting desperta e golea en Meira nun gran partido (0-3)

Por fin chegou a primeira victoria do Sporting na presente temporada. Tivemos que esperar ata a 4ª xornada, pero mereceu a pena pola forma de conseguila. Foi no "derbi" ante o Meira, no campo da Lomba, con 3 goles de cabeza e cunha gran imaxe que esperemos que se siga consolidando co paso das xornadas. Despois desta, os de Moirón abandonan a última plaza, que ocupa agora o Pol de Miranda. 
Chegaba o Sporting a Meira con urxencias, a pesar de estar na 4ª xornada, pero coa presión de levar 3 derrotas aínda que cunha imaxe que non se correspondía co posto que ocupaba na táboa. Diante de numerosos afeccionados desplazados dende A Pontenova, os de Moirón comezaron o partido enchufados buscando a victoria dende o primeiro minuto. No once, varias novidades con respecto ó encontro ante o Guitiriz. A principal, a presencia de César na portería. Otto ocuparía o extremo dereito en detrimento de Javi e Lolo actuaría por diante da defensa ocupando o sitio de Leivas, que no seu retorno a Meira acompañou a Maqueto no centro do campo. Os primeiros minutos foron de tanteo, con ambos equipos posicionándose, pero pouco a pouco os pontenoveses fóronse facendo co control. Jorge, que estivo moi activo pola banda esquerda, foi o que máis perigo levou na primeira media hora, con varias internadas que puxeron en serios apuros á defensa meirense. Incluso gozou dunha gran ocasión para inaugurar o marcador, quedándose só diante do porteiro, pero a súa vaselina non superou ó gardameta. Preto do minuto 35, nunha xogada pola dereita, Marcos Conde envía un centro coa súa perna mala, a esquerda, pero perfecto para que Javín conecte un gran cabezazo que se cola no marco do Meira poñendo por diante ós gualdinegros. Merecíano os de Moirón, e xusto antes do descanso viron como a súa ventaxa aumentaba. Córner que saca Jorge dende a esquerda e Maqueto, libre de marca, pon o 0-2 cun remate de cabeza picado. Con ese resultado e con moi boas sensacións rematou o primeiro tempo.
A segunda parte presentábase tranquila para os visitantes, pero dende o primeiro minuto o Meira quixo demostrar que aínda non dixera a última palabra. Saíron máis activos os locais, que chegaron con perigo nalgunha ocasión á portería de César. Este último firmou un gran encontro no seu retorno ó equipo sustituíndo a Xoel. Tamén hai que destacar a gran actuación da zaga pontenovesa, que despois de deixar algunha duda en encontros anteriores, completou un partido case perfecto o pasado sábado, axudados por un Lolo que se desenvolveu á perfección na nova posición. Por iso, a acción máis perigosa dos locais chegou dende 30 metros, nun golpe franco que se estrelou no longueiro da portería pontenovesa. A pesar de ter o partido case resolto, os de Moirón non levantaron o acelerador e seguiron intentando ampliar a ventaxa. Fran debutou nesta liga sustituíndo a Jorge, e deixou bos detalles pola banda esquerda. Pola dereita, Javi aportou frescura e velocidade sustituíndo a Otto. Na punta de ataque Javín deixoulle o seu sitio a Puente, e este, cando levaba menos dun minuto no terreo de xogo, puxo o 0-3 cun gran remate de cabeza en plancha logo doutro gran centro de Marcos Conde. Rompía así a súa sequía o dianteiro asturiano, despois de case un ano dende o seu último gol, ante o Bonxe na Mina. Con ese gol o partido quedaba xa finiquitado. E así foi, pois nos seguintes minutos ambos pensaron xa nos seguintes compromisos e o encontro rematou con ese gran resultado para os gualdinegros.
O próximo partido para os de Moirón disputaráse o vindeiro sábado, coincidindo co primeiro día dos festexos da San Lucas. Será ante o Xermade, ás 17:30 no Campo da Mina.

No hay comentarios: