miércoles, 20 de octubre de 2010

2ª Autonómica: O Sporting é colista logo de caer en Muimenta (2-0)

Non acaba de arrancar o Sporting Pontenova. Nesta ocasión foi o Muimenta, recén descendido e un dos favoritos ó ascenso, o que pasou por encima dos de Moirón nun partido no que os pontenoveses a piques estiveron de sacar un resultado positivo, pois foi nos últimos minutos cando se resolveu o envite. Con esta derrota, o Sporting queda como último clasificado en solitario logo das victorias de Meira e Pol.
Tiña unha nova oportunidade o Sporting para saír un pouco dos postos perigosos. A línea marcada en Meira era á que se encomendaban os de Moirón para sacar un resultado satisfactorio da súa visita ó campo do Pichón, e a punto estivo de ser así. Varios cambios na alineación que presentaba o técnico pontenovés: Xoel volvía á portería en detrimento de César; Javi ocupaba o sitio de Marcos Conde no lateral dereito e Fran e Puente partían como titulares nos extremos en lugar de Otto e Jorge. No primeiro tempo víronse dous equipos que se respetaban mutuamente, con un Muimenta que levaba o peso do partido pero sen poñer en serios apuros a Xoel, que realizou un gran partido logo da súa ausencia nos dous últimos. Por parte do Sporting, a ocasión máis clara foi para Puente, pero o marcador non se conseguiu mover nestes primeiros 45 minutos.
A segunda parte comezou cun Muimenta mellor plantado e que levou perigo en varias ocasións ó marco gualdinegro. Os pontenoveses centraron o seu ataque por ambos flancos, donde Puente e Jorge, que entrara por Fran, se mostraron bastante activos e levando perigo nos primeiros compases do período. Non foi o partido de Javín, que non foi capaz de facerse con moitos balóns na punta de ataque. Os locais fóronse estirando co paso dos minutos e Xoel cada vez tivo máis traballo, pero ata que quedaban 10 para o remate non se estrearía o marcador. Foi nunha xogada na que Gene comete unha falta cando o atacante xa se marchaba só, e como era o último defensor viu a vermella, deixando o equipo con un home menos para afrontar o final do partido. No saque da falta, o primeiro, cun trallazo que se colou pola esquerda de Xoel. E sen tempo para repoñerse chegou o definitivo 2-0. Un centro dende a banda zurda acaba cun remate de cabeza que se cola na portería despois de petar en Villy, desviando o balón lonxe do alcance do meta pontenovés. O partido quedou finiquitado, aínda que o Muimenta puido ampliar a ventaxa nalgún lance máis. Pero o marcador non se moveu.
Logo desta derrota e das victorias de Pol e Meira, os de Moirón caen ó último posto da táboa con só 3 puntos en 6 partidos. O próximo fin de semana ante o Novas Raíces de Galdo terán unha nova oportunidade para cambiar o rumbo. Será o domingo, ás 16:30 da tarde no Campo da Mina.

No hay comentarios: