sábado, 5 de septiembre de 2009

Xuvenil: Primeira victoria da temporada ante un bo Pol (2-0)

O Sporting Pontenova comezou a nova temporada da mellor maneira, vencendo a un dos mellores conxuntos da categoría. Ata 4 caras novas se puideron contar no once titular de Moirón, máis outros dous debuts que se produciron no segundo tempo. Pero, a pesar de disputar só dous partidos de pretemporada, os pontenoveses mostráronse como un equipo forte que foi de menos a máis no partido de hoxe. Enfronte tiñan un rival duro, que se presentaba na Mina logo de perder o seu mellor xogador da pasada temporada, Turbo, que precisamente debutaba oficialmente neste encontro co Sporting, formando no ataque pontenovés xunto con Matelo. Non estiveron finos no partido desta tarde, notándoo o equipo durante moitos momentos. Empezaron ben os de Moirón, controlando o xogo e aguantando ben as escasas embestidas dos visitantes. Antón e Christian puxeron en apuros á defensa do Pol, pero as súas internadas non foron aproveitadas por Matelo e Turbo, que dispuxeron de varias ocasións para inaugurar o marcador. Neste primeiro tempo notouse a falta de inactividade por momentos, pois as imprecisións e as faltas de entendemento foron case que habituais. Ó descanso chegouse co 0-0 inicial. O segundo tempo comezou cun Sporting que parecía máis enchufado logo de recargar forzas no vestuario. A primeira gran ocasión foi para Matelo, que se plantou só diante do porteiro visitante pero non foi capaz de definir. Tamén os visitantes puxeron en apretos a Xoel, pero a defensa do Sporting rendiu a un gran nivel hoxe, incluso en ataque, pois Bruno Bouza contou con algunha ocasión para estrenarse como goleador. Sería á saída dun córner cando chegaría o primeiro tanto. Saque de Turbo dende a esquerda, e logo de varios rechaces, o balón chega ós pés de Tontxu que dende o lateral da área saca un disparo perfecto que se cola con rosca pola escadra da portería do Pol. Soltáronse un pouco máis os de Moirón con este gol, e tiveron os seus mellores momentos desde que se viron por diante no marcador. Matelo puido conseguir o segundo, pero o seu disparo cruzado estrelouse no pau. Tamén puideron marcar Turbo ou Antón, pero o resultado non se movería ata o desconto, cando á saída doutro córner e logo dun rechace, Leivas fixo o definitivo 2-0 cunha volea que se colou entre a defensa visitante sentenciando o partido, que remataría poucos minutos despois.
Esta victoria sírvelle ó Sporting para coller confianza logo de vencer a un bo equipo como o Pol. O seguinte partido será o próximo sábado en Lugo, ante o vixente campión e gran favorito, o Sagrado Corazón, conxunto ó que os de Moirón lle teñen moitas ganas logo de non ser capaces de vencelo en ningunha ocasión a pasada campaña.

No hay comentarios: