lunes, 26 de octubre de 2009

2ª Autonómica: O Sporting vence ó Sacido (2-1) e consegue os primeiros 3 puntos na Mina

Esta vez á cuarta foi a vencida, e por fin chegou o primeiro triunfo do Sporting Pontenova como local. Logo de dúas derrotas consecutivas os de Sachas necesitaban coller aire e alonxarse dos postos perigosos, pero enfronte tiñan un rival de nivel que chegaba á Mina na cuarta posición da táboa. Foi un partido disputado, duro por momentos, que comezaron controlando os da Pontenova pero que tampouco estaban a poñer en excesivos apuros ós visitantes, que incluso se puideron adiantar pero o seu gol, claramente coa man, foi anulado por un colexiado que se mostrou dubitativo durante todo o encontro. Mediada a primeira parte chegaría o primeiro do Sporting. Saque dende a portería de Juanqui buscando a Puente, que presiona ó central e éste, no intento de ceder o balón ó seu gardameta, supérao por alto subindo o primeiro tanto na Mina. Facíase así xustiza ó visto no céspede ata o momento, pois as oportunidades máis claras estaban a ser dos locais, que levaban perigo polas bandas de Otto e Fran ou con algunha ocasión de Javín, Maqueto ou Puente. Pero o marcador non se moveu e ó descanso chegaríase co 1-0. Arrancou o segundo tempo sen cambios no Sporting, e o xogo continuou desénvolvéndose máis no lado pontenovés pero cun Sacido que non se rendía e que comezou a asediar a portería de Juanki en busca do empate, que chegaría arredor do minuto 15 logo dun pase entre liñas que definiu á perfección o seu dianteiro. Comezaba a planear outra vez na Mina o medo a unha nova derrota pero as dúbidas despexaríanse só dous minutos despois. Javín recibe un balón a 3 metros da área e solta un dereitazo que se lle escapa das máns ó porteiro viveirense poñendo o 2-1 no marcador. Aínda quedaba partido e os de Sachas non baixaron a garda, e pouco despois o árbitro anulou un gol de Puente por suposto fóra de xogo. Nos último minutos o Sacido volveu a apretar e puxo en apuros de novo a Juanki en varias ocasións, pero o marcador non se moveu ata o final do partido.
Con esta victoria colle aire un Sporting que aventaxa en 3 puntos ó Candelaria, seguinte clasificado na táboa, e sitúase 12º con 8 puntos. O seguinte encontro será en Lugo ante o Luis Pimentel o próximo sábado día 31.

No hay comentarios: